Burela celebra o seu segundo Pleno Infantil coa participación dos catro centros educativos

AMariñaXa
A sesión celebrarase este xoves no Concello para abordar os dereitos da infancia e presentar a versión adaptada do Plan Municipal de Infancia e Adolescencia
Burela-dia-infancia-actividade-2025
18 Nov 2026

O Concello de Burela celebrará este xoves 19 de novembro o seu segundo Pleno Infantil, unha iniciativa coa que busca dar voz aos nenos, nenas e adolescentes do municipio e incorporar as súas propostas á vida pública local. A sesión terá lugar ás 12.00 horas no Salón de Plenos e contará coa participación de representantes dos catro centros educativos: os institutos O Perdouro e Monte Castelo e os colexios Vista Alegre e Os Castros.

A convocatoria forma parte da programación organizada arredor do Día Mundial da Infancia, que se conmemora o 20 de novembro, e coincide co 80 aniversario de UNICEF. Nesta ocasión, o encontro estará centrado nos dereitos da infancia e na importancia de promover a participación dos máis novos nas decisións que afectan ao municipio.

A orde do día comezará coa benvida da alcaldesa, Carmela López. A continuación, o alumnado dos institutos Monte Castelo e O Perdouro presentará a versión infantil do Plan de Infancia e Adolescencia de Burela. Pola súa banda, os representantes dos centros de primaria Os Castros e Vista Alegre abordarán os 80 anos de historia de UNICEF e a evolución dos dereitos da infancia. A sesión rematará cunha quenda de propostas e preguntas.

A alcaldesa amosou a súa satisfacción por presidir unha sesión na que o protagonismo corresponderá á mocidade. López explicou que lle interesa coñecer directamente como ven os rapaces e rapazas a localidade, que cuestións lles preocupan e que aspectos consideran que deberían cambiar. Tamén comprometeu unha resposta ás iniciativas que presenten, ao entender que a participación debe ir acompañada de explicacións sobre as posibilidades de levar adiante as propostas.

Na mesma liña, o primeiro tenente de alcalde e concelleiro de Educación e Xuventude, Mario Pillado, destacou que este pleno permite que a infancia e a adolescencia ocupen o espazo no que se toman decisións municipais e trasladen as súas inquedanzas. O obxectivo, sinalou, é que se sintan escoitadas e comproben que as súas opinións poden contribuír a definir o futuro de Burela.

A programación continuará o venres 20 de novembro cunha visita ao Parlamento de Galicia, en Santiago de Compostela, de representantes do Grupo de Participación Adolescente de Burela. A actividade está organizada por UNICEF Galicia e forma parte das iniciativas que se desenvolven cada ano con motivo desta conmemoración.

Pillado incidiu tamén na relevancia do 80 aniversario de UNICEF como unha oportunidade para lembrar que os dereitos dos nenos e nenas deben ocupar un lugar central nas políticas municipais. O edil agradeceu a colaboración dos centros educativos e do profesorado, cuxa implicación fai posible manter estes espazos de participación infantil e adolescente.

0.11228799819946