Burela celebra o Orgullo de Vila cun Bingo Musical na Praza do Concello

O Concello de Burela continúa desenvolvendo a programación do Orgullo de Vila cunha proposta lúdica e participativa que terá como protagonista o Bingo Musical, unha actividade que se celebrará este xoves, 2 de xullo, a partir das 19.00 horas na Praza do Concello.
A cita estará conducida por Marisa Prisa e transformará o centro da vila nun espazo de encontro festivo no que a música será a gran protagonista. As persoas asistentes poderán poñer a proba os seus coñecementos musicais, cantar, bailar e gozar dunha tarde pensada para a convivencia e a celebración da diversidade afectiva e sexual.
Ademais do propio xogo musical, a actividade incluirá diferentes sorteos especiais, entre os que se atopan tickets para The Burguer Top e unha entrada para o Festival Osa do Mar, engadindo así un incentivo extra á participación.
Trátase dunha proposta gratuíta e aberta a toda a veciñanza, enmarcada dentro da programación municipal do Orgullo de Vila, que este ano se desenvolve baixo o lema «Ser quen somos, amar como sentimos». Desde o Concello de Burela anímase á cidadanía a sumarse a esta iniciativa, que busca non só ofrecer entretemento, senón tamén reivindicar o respecto, a liberdade e a visibilización dunha vila inclusiva e aberta.