Burela celebra o Día do Libro cunha programación para todas as idades centrada no intercambio e a creatividade

AMariñaXa
A Biblioteca Municipal, a Casa da Cultura e a Praza de Abastos acollerán actividades de fomento da lectura, obradoiros e propostas infantís os días 23 e 25 de abril
Libros
21 Apr 2026

O Concello de Burela conmemora o Día do Libro cun amplo programa de actividades que busca achegar a lectura á veciñanza e promover a participación de persoas de todas as idades a través de propostas culturais e creativas.

A xornada central será o 23 de abril, cando a Biblioteca Municipal se converterá nun punto de encontro literario coa instalación dunha mesa libre de intercambio de libros. Nesta iniciativa, a cidadanía poderá deixar exemplares que xa non utilice, coller outros ou simplemente compartir lecturas, nun formato aberto que pretende facilitar o acceso aos libros e fomentar a circulación cultural.

Ese mesmo día, a actividade trasladarase á Casa da Cultura, onde entre as 19:00 e as 20:30 horas se celebrará un obradoiro de iniciación ao estampado téxtil. A proposta, impartida pola entidade Xogando nas Nubes, está dirixida a mocidade e persoas adultas e permitirá personalizar unha bolsa de tea pensada para transportar libros. A participación é limitada e require inscrición previa na Biblioteca Municipal.

A programación continuará o venres cunha actividade especialmente pensada para o público infantil. Entre as 17:00 e as 19:00 horas, os soportais da Praza de Abastos acollerán un obradoiro creativo a cargo da Aula Medioambiental Gaia, no que os máis pequenos elaborarán o xogo denominado “Dados de historias”, unha proposta lúdica para estimular a imaxinación e o gusto pola lectura.

A concelleira de Cultura, Lina Gómez, destacou que o obxectivo desta programación é “achegar o libro e a lectura á veciñanza dun xeito participativo, dinámico e atractivo, adaptado a diferentes idades e intereses”.

Desde o Concello de Burela animan á cidadanía a sumarse ás actividades organizadas e a celebrar o Día do Libro arredor da lectura como ferramenta de encontro, aprendizaxe e lecer compartido.

0.11405396461487