Burela celebra a Semana Europea da Mobilidade con actividades deportivas, culturais e educativas

AMariñaXa
Do luns 16 ao domingo 22 de setembro, a localidade organiza unha ampla programación con charlas, obradoiros, música en vivo e rutas ao aire libre
Semana Europea da Mobilidade en Burela
16 sep 2024

O Concello de Burela celebra unha nova edición da Semana Europea da Mobilidade, que terá lugar entre o luns 16 e o domingo 22 de setembro. Esta iniciativa busca promover a sustentabilidade e a accesibilidade a través dunha ampla gama de actividades, baixo o tema deste ano: Espazo Público Compartido, que se suma ao lema da campaña: Combina e móvete!

A semana comezará o luns cun obradoiro de ioga para pacientes e familiares da Asociación Española Contra o Cancro (AECC) de 12.00 a 13.00 horas na Praza da Mariña. Pola tarde, celebrarase o evento popular Dispara a Gol co equipo local Pescados Rubén Burela FS na Praza do Concello, seguido dun obradoiro de decoración de cuncas a cargo de Gaia.

O martes, os veciños poderán participar nunha camiñada saudable desde o centro de saúde ás 9.00 horas, e pola tarde, haberá un circuíto de educación viaria na Praza do Concello. O mércores destacarase a limpeza da praia de O Perdouro e un ensaio aberto do grupo local Arume.

As actividades continuarán o xoves cunha charla sobre educación e seguridade viaria impartida por José Ramón López Iglesias, formador do Subsector de Tráfico da Garda Civil de Lugo, e unha actuación do grupo de jazz da escola de música de Burela na Praza da Mariña ás 19.00 horas.

O venres, a música será protagonista con actuacións do grupo de corda e de ximnasia rítmica locais, ademais dun ensaio da agrupación musical Dambara-Santo Inocencio na Rúa do Hórreo. A xornada rematará coa representación teatral de Boa sorte, mala fama na casa da cultura.

O sábado abrirase o sistema de préstamo de bicicletas eléctricas na Praza do Concello, onde tamén se organizarán rutas a pé e en bicicleta, ademais dun mercadiño popular. A xornada pecharase coa Busca do Tesouro para os máis pequenos e cunha charla sobre as ondas XXL impartida por Eric Rebiere.

O domingo, derradeiro día da Semana Europea da Mobilidade, as rúas Rosalía de Castro e Pardo Bazán pecharanse ao tráfico de 8.00 a 21.00 horas, permitindo a celebración de actividades ao aire libre, como unha xincana de xogos tradicionais, xadrez na rúa e unha chocolatada. A semana culminará coa actuación de Batuko Tabanka ás 18.30 horas na Praza da Mariña.

 

0.14722108840942