Burela ampliará as zonas azuis con novas prazas para favorecer a rotación do estacionamento

AMariñaXa
As novas áreas de aparcadoiro por tempo limitado serán gratuítas e facilitarán o acceso a comercios e servizos
Burela-prazas-bica-e-arrinca-centro-saude-2025
23 Dec 2025

O Concello de Burela poñerá en marcha seis novas zonas azuis de estacionamento co obxectivo de mellorar a rotación dos vehículos e facilitar o acceso da veciñanza a comercios, servizos e instalacións públicas. A iniciativa segue a liña das prazas deste tipo que xa funcionan na avenida Arcadio Pardiñas, onde a medida tivo unha boa acollida.

As novas prazas estarán reguladas como aparcadoiro gratuíto por tempo limitado, cun máximo de 60 minutos de uso de luns a venres, en horario de nove da mañá a oito da tarde, agás os días festivos. Fóra deste horario, as prazas funcionarán como estacionamento ordinario, sen restricións de tempo.

A actuación contempla diferentes puntos do casco urbano. Na rúa Rosalía de Castro sinalizaranse dez prazas, cinco no primeiro tramo preto da panadería e outras cinco no segundo tramo, fronte á Casa do Mar. En Eijo Garay habilitarase unha nova zona diante da Praza do Concello, despois do espazo reservado para carga e descarga, mentres que na rúa Pardo Bazán as prazas situaranse a continuación do cruce con Curros Enríquez.

O proxecto tamén inclúe a ampliación das zonas azuis na avenida Arcadio Pardiñas, onde se pintarán cinco novas prazas despois do cruce da igrexa e outras cinco na zona de O Campón, reforzando así a dispoñibilidade de estacionamento de rotación nunha das vías máis transitadas da localidade.

Ademais, está prevista a creación dun novo espazo de tipo Binca e Arrinca, destinado a paradas moi breves, que se situará fronte á Casa do Mar, xunto ás prazas azuis previstas nesa zona. Este punto estará especialmente pensado para facilitar o acceso das persoas usuarias do Centro de Atención Temperá, ubicado nese edificio.

Burela-prazas-bica-e-arrinca-colexio dos castro-2025-1
⚙ Configurar cookies
0.096331834793091