Burela amplía a zona peonil no cruce de Arcadio Pardiñas con Eijo Garay

AMariñaXa
Os traballos, incluídos no Plan de Mobilidade Urbana Sustentable, mellorarán o itinerario peonil cara aos centros escolares e ao centro urbano
mellora-accesibilidade-cruce-pardiñas-burela
26 Sep 2026

O Concello de Burela está a executar unha nova actuación para mellorar a accesibilidade e facilitar os desprazamentos a pé pola vila. Os traballos desenvolvéronse no cruce das rúas Arcadio Pardiñas, Eijo Garay e Celso Emilio Ferreiro, un dos puntos con maior tránsito peonil e rodado.

A intervención permitirá prolongar a beirarrúa de Eijo Garay e ampliar a esquina de Arcadio Pardiñas, creando un percorrido para peóns máis directo e seguro. A nova distribución contribuirá tamén a ordenar o espazo neste cruzamento.

O punto estaba identificado no Plan de Mobilidade Urbana Sustentable (PMUS) pola intensidade do tránsito a pé e polos cruzamentos que se producen entre as dúas rúas seguindo os percorridos habituais. Ademais, intégrase no itinerario peonil prioritario que comunica os centros escolares co núcleo urbano.

A alcaldesa de Burela, Carmela López, subliña que “seguimos levando á rúa as medidas do Plan de Mobilidade. Non queremos que sexa un documento que quede nun caixón, senón unha ferramenta para ir transformando Burela, actuación a actuación”.

López destaca tamén que “a accesibilidade e unha mobilidade máis amable son unha parte fundamental do modelo de vila que queremos para Burela. Cada actuación que executamos significa eliminar unha dificultade, facer máis seguro un percorrido ou facilitar que todas as persoas poidan moverse mellor por Burela”.

A rexedora sinala que a intervención se sitúa ademais nun percorrido habitual para os desprazamentos diarios e na conexión cos centros escolares. “Son intervencións moi concretas que, sumadas, van facendo unha Burela máis accesible, máis cómoda e máis pensada para as persoas”, conclúe.

0.26524996757507