Burela alberga unhas Xornadas de Actualización e Reciclaxe para adestradores de fútbol sala
A Real Federación Galega de Fútbol, a través do Comité Galego de Adestradores, pon en marcha as Xornadas de Actualización e Reciclaxe que acreditarán as horas de formación que cada técnico terá que xustificar a partir da temporada 2025/2026 para poder tramitar licenza de adestrador en España.
Para obter o Certificado de Actualización e Reciclaxe esixido pola RFEF e poder así tramitar licenza de adestrador en España cada técnico terá que xustificar a asistencia a 15 horas de formación cada tres anos desde a tempada 2025/2026 para ter o certificado en vigor.
O vindeiro xoves 28 de decembro terán lugar as II Xornadas de Actualización e Reciclaxe para adestradores de fútbol sala. A actividade levarase a cabo desde as 17.00 ata as 22.00 horas tanto no Auditorio Municipal de Burela como no pavillón de Vista Alegre coa participación de relatores de primeiro nivel
Contará con Tulio García, fisioterapeuta do Pescados Rubén Burela, Alfonso Mera, preparador físico do Pescados Rubén Burela, Adri Paz, asistente da selección española absoluta feminina, e Mon Barreiros, asistente da selección española absoluta masculina.
Ademais, estas II Xornadas de Actualización e Reciclaxe para adestradores de fútbol sala que pon en marcha a Escola Galega de Adestradores terán a súa cara solidaria, debido a que durante as mesmas levarase a cabo o xa tradicional Boxing Day Solidario que desde hai algúns anos desenvolve a RFGF durante estas datas tan sinaladas.
Así, a RFGF poñerá en marcha unha campaña de recollida de alimentos durante ese xoves 28 de decembro e todo o recadado irá destinado a unha oenegué local.
Podes inscribirte a esta xornada do 28 de decembro premendo na seguinte ligazón e calquera información pode ser consultada no correo comitedeentrenadores@futgal.es.