Burela acollerá unha xornada divulgativa sobre os beneficios do peixe na saúde infantil

A Casa do Concello de Burela será o escenario o vindeiro martes 12 de maio, ás 19:30 horas, dunha nova sesión das xornadas técnicas do proxecto “Pesca Saúde”, unha iniciativa integrada na Estratexia de Saúde municipal. A actividade levará por título "Os segredos do peixe: como inflúe no cerebro e no crecemento da infancia" e estará aberta a toda a cidadanía sen necesidade de inscrición previa.
A charla contará coa participación da pediatra de atención primaria Consuelo Lobelle Fernández, quen centrará a súa intervención na análise dos beneficios que o consumo de peixe ten no desenvolvemento cognitivo e no crecemento das nenas e nenos. A especialista abordará cuestións relacionadas coa alimentación saudable na infancia e a súa relación co benestar a longo prazo.
Consuelo Lobelle Fernández é licenciada en Medicina pola Universidade de Santiago de Compostela, onde tamén obtivo o doutoramento e realizou a súa especialización no Hospital Universitario de Santiago de Compostela. Na actualidade exerce no Centro de Saúde Illas Canarias, en Lugo, e conta cunha traxectoria consolidada no ámbito da pediatría e no diagnóstico de patoloxías infantís.
O primeiro tenente de alcaldesa, Mario Pillado, destacou a importancia deste tipo de iniciativas, subliñando que “seguimos a avanzar na Estratexia de Saúde do Concello con propostas que achegan coñecemento práctico á veciñanza e que contribúen a fomentar hábitos de vida saudables”.
O proxecto “Pesca Saúde” está financiado polo Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura (FEMPA) 2021-2027 a través da Consellería do Mar. Nesta iniciativa participan sete Grupos de Acción Local do Sector Pesqueiro (GALP) de distintas zonas do litoral galego, baixo a coordinación do GALP Costa Sostible, e conta ademais coa colaboración da Consellería de Sanidade, integrando as Estratexias de Desenvolvemento Local Participativo coa Estratexia Galega de Saúde Comunitaria 2023-2027.