Burela acollerá un faladoiro sobre o proceso de regularización extraordinaria de persoas migrantes

AMariñaXa
A sesión, enmarcada no programa Nnabata, contará con persoal técnico especializado e require inscrición previa
Casa_concello_Burela
18 Apr 2026

O Concello de Burela organizará o vindeiro xoves 23 de abril, entre as 10.00 e as 12.00 horas, un faladoiro informativo centrado no proceso de regularización extraordinaria aprobado recentemente polo Ministerio de Inclusión, Seguridade Social e Migracións.

A actividade, que se celebrará na Casa do Concello, forma parte do programa Nnabata e contará coa participación de persoal técnico da entidade Arraianas, que achegará información detallada sobre os requisitos, procedementos e implicacións desta medida lexislativa.

O encontro está dirixido a persoas interesadas en coñecer de primeira man as claves deste proceso e resolver dúbidas relacionadas coa súa aplicación. Co fin de garantir unha mellor organización, será necesario confirmar previamente a asistencia a través dos teléfonos habilitados polo Concello.

O tenente de alcaldesa, Mario Pillado, explicou que, en función da demanda, non se descarta a posibilidade de convocar unha segunda sesión. Segundo indicou, o obxectivo é facilitar o acceso á información a todas as persoas interesadas en condicións axeitadas e cunha atención adecuada.

Esta iniciativa enmárcase na liña de actuacións impulsadas polo Concello para apoiar á poboación migrante, ofrecendo recursos informativos e ferramentas que contribúan á súa integración e ao exercicio dos seus dereitos.

0.11523008346558