Burela acollerá o 9 de novembro a “IX Carreira Popular Burela Bonita”

Burela prepárase para vivir unha nova edición da súa carreira máis emblemática. O domingo 9 de novembro celebrarase a “IX Carreira Popular Burela Bonita”, unha cita deportiva que comezará ás 11:00 horas e que promete converter as rúas da vila nun auténtico circuíto atlético.
O evento contará con diferentes distancias adaptadas a cada idade e categoría: 200 metros para os máis pequenos, a categoría Pícaros; 700 metros para Benxamíns; 1.400 metros para Alevíns; 2.100 metros para Infantís e Cadetes; e 5.000 metros para a carreira absoluta, que será o prato forte da xornada. Tamén se celebrará unha andaina de 6 quilómetros, prevista para as 10:00 horas, que permitirá desfrutar do percorrido a un ritmo máis pausado.
O trazado da proba absoluta será totalmente urbano, con saída e chegada na praia do Portelo, e terá unha duración máxima de 50 minutos. Todo corredor que supere ese tempo poderá finalizar o circuíto baixo a súa propia responsabilidade. A organización fixou un límite de participación: 200 atletas na carreira absoluta, 100 prazas na andaina e 50 participantes en cada unha das categorías de menores.
As inscricións realizaranse en liña entre o mércores 1 de outubro e o xoves 6 de novembro ás 23:59 horas. Cada corredor deberá recoller o dorsal o mesmo día da proba, entre as 09:00 e as 11:00 horas, na carpa situada na praia do Portelo.
A carreira repartirá trofeos nas diferentes categorías competitivas, mentres que na non competitiva, a de Pícaros, entregarase unha medalla a todos os participantes. Haberá recoñecementos para os tres primeiros clasificados masculinos e femininos en Benxamín, Alevín, Infantil, Cadete, Absoluta, Sénior, Máster A, Máster B e Máster C, así como un premio específico para os primeiros corredores locais, tanto na modalidade masculina como na feminina.
A xornada deportiva rematará ás 12:45 horas coa cerimonia oficial de entrega de premios, que porá o broche de ouro a unha cita que cada ano suma máis seguidores e que consolida a Burela como un referente do deporte popular na Mariña.