Burela acollerá o 15 de xuño o festival “De Cabo a Cabo”, unha celebración da diversidade e da convivencia cultural

Burela prepararase para vivir o vindeiro 15 de xuño unha das xornadas máis especiais da súa historia recente coa celebración do Festival De Cabo A Cabo, unha proposta cultural e comunitaria que nace arredor do encontro entre España e Cabo Verde no Mundial 2026. O evento transformará distintos espazos públicos da vila nun amplo punto de encontro entre culturas, música, arte e convivencia, coincidindo cun partido que terá unha significación especial para un municipio no que máis de mil persoas teñen orixe caboverdiana.
A iniciativa, impulsada polo Concello de Burela, a Deputación de Lugo e a Asociación Cultural Fanto Fantini, contará coa dirección creativa de Anxo Ferreira, creador burelés que leva anos explorando artisticamente a relación entre Galicia e Cabo Verde a través de proxectos audiovisuais e musicais recoñecidos dentro e fóra do país.
O festival nace coa intención de poñer en valor a realidade multicultural dunha vila singular en Galicia, onde a comunidade caboverdiana forma parte da vida social, económica e cultural desde hai décadas. A organización presenta esta cita como unha celebración colectiva da integración e do intercambio cultural que define a identidade actual de Burela.
No apartado musical, un dos grandes protagonistas será Baiuca, o proxecto liderado por Alejandro Guillán e convertido nun referente da nova música galega pola súa mestura de tradición e electrónica contemporánea. O artista actuará en formato DJ Set nun cartel que tamén incorpora nomes destacados da escena afroatlántica e electrónica como DJ Danifox, DJ Kandole, Batuko Tabanka, Lilaina e Saya.
Especial relevancia terá tamén a presenza de DJ Danifox, vinculado ao selo lisboeta Príncipe Discos e ás escenas musicais das comunidades afrodescendentes da periferia de Lisboa, moi conectadas coa diáspora caboverdiana.
Ademais dos concertos, o Festival De Cabo A Cabo incluirá a retransmisión en directo do encontro entre España e Cabo Verde, showcookings, actividades deportivas, artesanía, mesas de debate e espazos de encontro cidadán ao longo de toda a xornada.
A programación contará tamén cunha destacada vertente artística e comunitaria grazas a unha gran instalación coordinada pola artista Alicia Alonso en colaboración co Instituto Monte Castelo. Para esta proposta, a Cofradía de Pescadores de Burela cederá arredor de 700 metros cadrados de rede de pesca, transformando un dos símbolos da tradición mariñeira local nun espazo de creación contemporánea e colectiva.
Con esta iniciativa, Burela aspira a converterse nun dos grandes referentes culturais arredor do Mundial 2026, reivindicando unha identidade construída desde a diversidade, a integración e a convivencia entre culturas.