Burela acolle un curso para facilitar o acceso á nacionalidade española das persoas estranxeiras

Burela acolle desde esta semana un curso de preparación para o exame de nacionalidade española dirixido a persoas estranxeiras residentes na localidade. A iniciativa, promovida por Ecos do Sur, prolongarase ata o próximo 19 de xuño e ten como obxectivo facilitar aos participantes os coñecementos necesarios para afrontar con garantías a proba CCSE do Instituto Cervantes.
Este exame constitúe un dos requisitos necesarios para obter a nacionalidade española, xa que avalía aspectos relacionados coa Constitución, a organización territorial do Estado e diversos contidos sobre a realidade social e cultural do país.
A través desta formación, os asistentes poderán familiarizarse co formato da proba e reforzar os seus coñecementos sobre os temas incluídos no exame, mellorando así as súas posibilidades de superalo con éxito.
Paralelamente, desde Ecos do Sur tamén se está a traballar na organización dun novo curso de español para persoas estranxeiras. A entidade xa mantén contacto co alumnado inscrito para coordinar o inicio desta actividade formativa, orientada a favorecer a aprendizaxe da lingua e a mellorar a comunicación e a integración dos participantes no seu día a día.
O tenente de alcaldesa de Burela, Mario Pillado, destacou a relevancia deste tipo de programas, que permiten ofrecer recursos prácticos ás persoas procedentes doutros países que viven no municipio. Segundo sinalou, estas accións contribúen a facilitar tanto os trámites administrativos como a participación plena na vida social da comunidade.
Con esta proposta, Burela continúa apoiando iniciativas destinadas a promover a inclusión, a igualdade de oportunidades e a integración da poboación estranxeira, unha realidade cada vez máis presente no municipio.