Burela acolle o III Mariñaencanto con 270 voces novas sobre o escenario

AMariñaXa
A Fundación Xesús Bal y Gay impulsa un encontro coral que reúne a 12 centros educativos da Mariña Lucense
Mariñaencanto-III-ed-2026
20 Feb 2026

A Fundación Xesús Bal y Gay celebrará o vindeiro domingo 1 de marzo, ás 13.00 horas, no Auditorio - Casa da Cultura de Burela, o concerto do III Mariñaencanto, Encontro de Coros Infantís e Xuvenís da Mariña Lucense, unha cita que medra ano tras ano e que nesta edición bate récord de participación.

Un total de 270 nenos e mozos procedentes de 12 centros educativos da comarca subirán ao escenario nun espectáculo colectivo que pon en valor o traballo desenvolvido nas aulas arredor do canto coral. A iniciativa consolídase así como un dos proxectos musicais de referencia na Mariña, promovendo a formación artística e o intercambio entre escolares de distintos municipios.

O programa culminará meses de preparación e ensaios conxuntos, nos que as diferentes agrupacións traballaron un repertorio común pensado para amosar tanto a calidade vocal como a riqueza expresiva das novas xeracións.

A recta final do proxecto vivirá un momento clave o sábado 15, cando terán lugar os últimos ensaios xerais baixo a dirección artística de Josu Elberdin Badiola, recoñecido pola súa ampla traxectoria no ámbito do canto coral. O músico vasco será o encargado de coordinar e dar forma definitiva a un concerto que promete encher o auditorio de ilusión, harmonía e talento novo.

Desde a organización salientan que Mariñaencanto non é só un concerto, senón tamén unha experiencia educativa e humana que fomenta o traballo en equipo, a disciplina artística e a convivencia a través da música.

⚙ Configurar cookies
0.080734968185425