Burela acolle mañá a Supercopa de fútbol sala
O salón de plenos do Concello acolleu este venres a presentación da Supercopa de España de Fútbol Sala Feminino, que se disputará mañá na localidade no pavillón Vista Alegre. O Burela Pescados Rubén medirase ao Poio Pescamar ás 12 do mediodía. Un total de 200 persoas poderán ver en vivo o encontro. As entradas poranse á venda na billeteira do pavillón a partires das nove da mañá ao prezo de 5 euros no fondo e de 8 euros nas gradas laterais. Os afeccionados que non se fagan con esas entradas poderán ver o partido pola televisión, xa que será retransmitido por Teledeporte.
Desde o Concello indicaron que “se seguirán todos os protocolos marcados polas autoridades sanitarias por mor da pandemia do covid 19”.
E subliñaron “a repercusión a nivel nacional que ten este evento deportivo. É moi importante para a imaxe do noso pobo. Supón un orgullo poder contar con este tipo de citas porque nos dan unha proxección que non poderíamos conseguir de ningunha outra maneira”.
No acto de presentación desta mañá participaron o alcalde, Alfredo Llano, o concelleiro de Deportes, Ramiro Fernández, o presidente do Comité Galego de Fútbol Sala, Pablo Prieto, o deputado delegado de Deportes, Efrén Castro, o xefe provincial de Deportes da Xunta, Manuel Otero, o presidente do Burela Pescados Rubén, Manuel Blanco, e o edil Mario Pillado.