Buio contará cun novo pasteiro de máis de 30 hectáreas para impulsar a gandaría extensiva en Viveiro

O monte veciñal en man común de Buio, no municipio de Viveiro, contará cun novo pasteiro que ocupará unha superficie de algo máis de 30 hectáreas. A actuación foi presentada durante unha visita institucional aos terreos nos que se desenvolverá esta infraestrutura vinculada ao aproveitamento sostible do rural.
Os traballos previstos suporán un investimento de 95.500 euros e incluirán labores de desbroce, retirada de madeira, encalado, abonado e sementeira, entre outras intervencións destinadas a acondicionar a zona para o uso gandeiro.
O obxectivo principal desta iniciativa é facilitar que os propietarios e gandeiros da contorna dispoñan de máis base territorial para incrementar o número de cabezas de gando equino, ao tempo que se contribúe ao control natural da vexetación e á redución do risco de incendios forestais.
Durante a visita, a conselleira do Medio Rural, María José Gómez, destacou a importancia deste tipo de actuacións para favorecer un modelo de aproveitamento sustentable do territorio, compatible coa conservación da paisaxe e do patrimonio natural. Tamén incidiu na relevancia da gandaría extensiva como ferramenta de dinamización económica e protección ambiental no rural galego.
O novo pasteiro de Buio forma parte do Plan de Pastos de Galicia, un programa que permitiu mobilizar desde 2020 preto de 2.500 hectáreas repartidas en máis dun cento de actuacións en distintos puntos da comunidade, cun investimento global próximo aos 15 millóns de euros.