Bretoña acolleu este sábado a sexta xornada de billarda, o Aberto das Freces
Por Daniel Rodríguez Saavedra.
Todo facía pensar que a xornada billardeira en Bretoña ía estar pasada por auga, porén semella que o tempo gusta da billarda e ten unha querenza especial coa LNB. Como vén acontecendo ata o momento, deunos unha tregua e deixounos gozar dunha boa e moi competida xornada billardeira.
Aínda que o estado do campo da festa non era o mais axeitado (a choiva deixouno bastante mal e irregular), xuntámonos 71 palanadores (46 homes, 17 donas e 8 cativos) dispostos a loitar deportivamente e catar as saborosas freces que nos agardaban ao remate da xornada.
Só nove xogadores foron quen de facer vinte ou mais puntos. Entre eles Sachas (Troitas Bravas) con vinte e dous, que foi terceiro, e o dueto Bonxe (Billarda Río Miño) e Seixas (Billarda Verde) empatados a vinte e catro. No desempate Bonxe estivo mais certeiro e gañou a xornada.
En equipos, aínda que estamos na metade da competición, semella que a loita vai estar entre dous que xornada a xornada van distanciándose dos outros. Hoxe foron os ribadenses Billardeiros Musicais os campións e os Troitas Bravas os segundos. En terceiro lugar quedaron os chairegos Billarda Río Miño.
En donas, Sara (Billarda verde) quedou primeira seguida de Cris (Castiñeiro Milenario) e Milagros (Carabullo).
A categoría infantil dominouna Madia Leva con Diego e Mateu por diante de Alba de Troitas Bravas.
Houbo agasallos para os tres primeiros e bola de liscos para o mellor equipo, rematando a xornada compartindo tanto a empanada canto as freces para tódolos presentes.
As clasificacións logo da sexta xornada quedan así:
Individual:
- Basilio (Billardeiros Musicais) 128 p.
- Charli (Carabullo) 126 p.
- Sachas (Troitas Bravas) 126 p.
Donas:
- Cris (Castiñeiro Milenario9 81 p.
- Aroa (Billardeiros Musicais) 64 p.
- Geni (Billardeiros Musicais) 62 p.
Equipos:
- Troitas Bravas (A Pontenova) 481 p.
- Billardeiros Musicais (Ribadeo) 479 p.
- Madia Leva (Lugo) 420 p.
A vindeira xornada en Castropol (Asturias) xógase o domingo 28 deste mes nos campos da Paloma.