Boa acollida das Xornadas de Historia e Aqueoloxía Marítima de Viveiro

AMariñaXa
Destacou a exposición dos barcos cargueiros de pequeno porte que operaban na vila
VIVEIRO-18-NOV-Xornadas-de-Historia-2
19 Nov 2024

O Concello de Viveiro acolleu a VII edición das súas Xornadas de Historia e Aqueoloxía Marítima, que foron "un éxito de participación" en palabras do concelleiro de Mar, Jesús Fernández Fernández. O edil explicou que ás xornadas celebradas na Casa do Concello acudiu "xente tanto de Viveiro como de fóra da vila, que amosou a súa satisfacción polo desenvolvemento das mesmas".

"Dende a Concelleiría de Mar, responsable da organización da actividade, estamos moi contentos do resultado, pois contamos con nove charlas moi interesantes", subliñou.

O concelleiro quixo destacar dentro da programación a exposición dos barcos cargueiros de pequeno porte que operaban en Viveiro, levando diferentes cargas a localidades como Avilés, Xixón, San Esteban de Pravia, Bilbao ou Santander.

"Queremos amosar o noso agradecemento á UNED e a todas as institucións e colectivos participantes, que incluíron á Asociación de Cociñeiros de Lugo, encargada dunha xornada gastronómica centrada na merluza de pincho de Celeiro", indicou Fernández.

PATRIMONIO DA VILA 

"Poñer en valor a ampla historia da nosa vila é fundamental e unha prioridade para o noso Goberno local, como demostran iniciativas como esta", afirmou o concelleiro de Mar. Nese sentido, aproveitou a ocasión para recalcar a importancia de preservar o patrimonio histórico do municipio e facer un chamado á cidadanía para colaborar nesta tarefa.

"A semana pasada realizamos diversos labores de mantemento nos cañons dos xardíns noriega varela, algo que temos que facer dúas ou tres veces ao ano tanto polas inclemencias meteorolóxicas como por culpa do vandalismo", lamentou o edil.

"Pedimos especial coidado con estes bens, que foron recuperados do pecio da fragata Santa María Magdalena, afundida en Viveiro xunto co bergantín Palomo o 2 de novembro de 1810, hai 214 anos", apuntou.

Por esta razón engade que "é un deber de todos preservar estes dous cañóns e mais o obús, uns bens que merecen un grande respecto pola súa importancia histórica".

 

0.1629331111908