Besteiro reclama axilidade para o futuro de Alcoa e pide avances no forno de cocción

O secretario xeral do PSdeG e portavoz do Grupo Socialista no Parlamento de Galicia, José Ramón Gómez Besteiro, reclamou desde Cervo axilidade nun que considera un paso clave para o futuro de Alcoa. “Xa non hai máis tempo que perder. A empresa debe acelerar o forno de cocción para apuntalar o futuro de San Cibrao”, defendeu tras manter unha reunión de traballo coa presidenta da Deputación, Carmela López, alcaldes, alcaldesas e portavoces socialistas da Mariña e representantes no Congreso e no Senado para analizar a situación da factoría.
Besteiro asegurou que, unha vez que a empresa aceptou máis de 40 millóns de euros do Goberno a través do Perte de descarbonización, non existen obstáculos para iniciar a construción do novo equipo industrial que permitirá fabricar ánodos na propia planta, en lugar de importalos. Subliñou que se trata dun investimento clave para a viabilidade futura do complexo.
O líder socialista destacou que a planta mellorou nos últimos anos e que na actualidade ten todas as cubas en funcionamento grazas ao acordo de viabilidade e ás medidas impulsadas polo Goberno do Estado.
No relativo á xestión dos residuos, Besteiro pediu á Xunta que se implique e, xunto coa empresa, centros de investigación e universidades, avance cara a unha solución definitiva para a balsa de lodos. Defendeu a necesidade de recuperar materiais útiles e de converter os residuos non valorizables en inertes, ao tempo que sinalou o impacto ambiental desta cuestión.
En materia enerxética, o dirixente socialista defendeu tres liñas de actuación: maior eficiencia por parte da empresa, desbloqueo de proxectos eólicos paralizados pola Xunta e resolución definitiva por parte do Estado do concurso dos parques pendentes. Insistiu tamén na necesidade de mellorar o subministro eléctrico e reducir o consumo mediante a modernización da planta.
Besteiro advertiu de que o prezo da enerxía cambiou respecto ao momento no que se asinou o acordo de viabilidade e subliñou que a eficiencia será clave para garantir a competitividade do complexo.
Por outra banda, cualificou de “aberración” que o Concello de Lugo impedise a celebración dun acto no Vello Cárcere no que participaba o secretario de Estado de Memoria Democrática, ao considerar que se trataba dunha posta en valor do edificio como lugar de memoria. Criticou a actitude do goberno local e sinalou que Lugo se suma a outros espazos de memoria en Galicia como a Illa de San Simón ou o Pazo de Meirás.
Pola súa parte, o PP da Mariña lamentan que José Ramón Gómez Besteiro non aproveitase a súa visita a San Cibrao para explicar por que o Goberno central segue sen autorizar os parques eólicos de competencia estatal necesarios para reforzar a competitividade de Alcoa.
Os populares lembran que foi o propio Besteiro -quen en nota de prensa e reunido co comité- anunciou en decembro de 2023 o desbloqueo destes proxectos eólicos. Porén, máis de dous anos despois, as autorizacións continúan pendentes e traballadores e comarca segue agardando por unhas decisións que dependen exclusivamente do Executivo central.
Neste sentido, o PP da Mariña tamén bota en falta maior grado de esixencia dos alcaldes e portavoces socialistas da comarca, moi dados a poñerse na foto con Besteiro pero incapaces de pedir explicacións por este incumprimento e polos continuos atrasos nunha cuestión estratéxica para o futuro de Alcoa e do emprego industrial na Mariña.
Así mesmo, os populares lembran que a axuda para o novo forno de ánodos forma parte do PERTE de Descarbonización Industrial, financiado con fondos europeos e non estatais. Agora a obriga do Goberno de España debera ser centrarse en convencer a Alcoa que execute o forno de ánodos comprometido e en desbloquear