Besteiro defiende na Mariña os avances sociaIs do Gobierno e pide un último impulso electoral

José Ramón Gómez Besteiro pediu en Foz unha mobilización total na última semana de campaña para lograr que Pedro Sánchez continúe á fronte do Goberno durante outros catro anos. O secretario xeral do PSdeG apelou ao voto da 'inmensa maioría' e defendeu que os socialistas están por diante do PP nas enquisas, aínda que advertiu de que necesitan un último impulso para conseguir gobernar.
Nun mitin celebrado na Mariña a oito días das eleccións xerais do 29 de novembro, Besteiro asegurou que se enfrontan dous modelos políticos diferentes e que está en xogo a continuidade dos dereitos e liberdades conquistados durante as últimas décadas. Entre eles citou a educación e a sanidade públicas, as pensións, a dependencia, a vivenda e os dereitos individuais.
O líder socialista acusou o PP de opoñerse a avances sociais como o matrimonio igualitario ou a lei do divorcio, para despois acabar aceptándoos. Tamén defendeu a lei de eutanasia e lembrou que máis de 1.600 persoas puideron acollerse a ela, mentres que Ramón Sampedro morreu sen poder exercer ese dereito.
Besteiro sostivo que a dereita ve negocio detrás de cada conquista social e asegurou que esa é unha das razóns polas que ataca o presidente do Goberno. Tamén reivindicou a xestión de Sánchez durante distintas crises, desde a pandemia ata os incendios, as danas e a erupción volcánica, así como o seu papel en Europa para defender os intereses de España.
Na súa intervención, o secretario xeral do PSdeG tamén cargou contra Alberto Núñez Feijóo pola súa relación con Marcial Dorado e criticou a posición do PP e Vox, aos que situou 'moito máis á dereita que Alianza Popular de Fraga'. Así mesmo, reprochou a ambas as formacións que, ao seu xuízo, non entendan Galicia nin coiden o idioma galego.
Besteiro pediu aos asistentes que aproveiten os últimos días de campaña para falar con quen asegura que a política non lle interesa e defender os intereses da cidadanía. Tamén comparou a confianza que os veciños depositan nos seus alcaldes cando teñen problemas coa que, segundo afirmou, teñen en Pedro Sánchez.
As pensións e as infraestruturas, protagonistas do mitin
O alcalde de Foz, Fran Cajoto, defendeu a aposta do Goberno central polas infraestruturas de Foz e da comarca, mentres que a presidenta da Deputación de Lugo e alcaldesa de Burela, Carmela López, reivindicou a importancia das políticas sociais a través da historia dun veciño xubilado cuxa pensión mellorou grazas ás medidas dun Goberno socialista.
A cabeza de lista do PSOE ao Congreso por Lugo, Patricia Otero, asegurou que os socialistas lograrán unha vitoria o próximo 29 de novembro e contrapuxo os resultados dos oito anos de Goberno de Pedro Sánchez ás propostas do PP e Vox, que, segundo afirmou, se centran en 'sacrificar, derrogar e desmantelar'.
Pola súa banda, o candidato ao Senado por Lugo, César Mogo, reivindicou o selo dos gobernos socialistas nas grandes infraestruturas da provincia e destacou o inicio dos traballos da Autovía da Mariña, a A-74. Mogo sinalou que o primeiro tramo, entre O Carme, en Foz, e Barreiros, é unha obra fundamental para a comarca e criticou a xestión do PP en proxectos como a variante de Viveiro.
O candidato socialista tamén se dirixiu a quen di non estar interesado na política e advertiu de que, aínda que non lles interese, as decisións políticas afectan ás súas vidas, contrapondo as políticas de recortes ás dun Goberno progresista.