Besteiro asegura que a A-74 poderá licitarse en 2027 e reivindica o compromiso do PSOE con Alcoa

GaliciaXa | AMariñaXa
O líder do PSdeG defende en Burela o acordo para Alcoa, reclama avances na autovía e destaca as medidas para autónomos e o sector pesqueiro
Besteiro-Burela-mitin-psoe-2026
25 Nov 2026

O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, asegurou en Burela que a autovía A-74 da Mariña poderá entrar en fase de licitación en 2027, un avance que atribuíu á actuación do Goberno central tras anos, segundo afirmou, de falta de impulso por parte do Partido Popular. O anuncio realizouno na recta final da campaña das eleccións xerais do 29 de novembro, acompañado pola candidata socialista ao Congreso por Lugo, Patricia Otero, e pola presidenta da Deputación e alcaldesa de Burela, Carmela López.

Na súa intervención, Besteiro tamén abordou a situación de Alcoa, a política enerxética e outros asuntos relacionados co futuro económico da comarca. Antes de entrar nestas cuestións, coincidindo coa conmemoración do 25N, reafirmou o compromiso do PSOE na loita contra a violencia machista e na defensa dos dereitos das mulleres.

Sobre a factoría de San Cibrao, o dirixente socialista reivindicou a implicación do seu partido na consecución do acordo para garantir a viabilidade da planta, asegurando que os socialistas foron os únicos que sostiveron o pacto entre a empresa e os traballadores. Ademais, lembrou o respaldo do Executivo de Pedro Sánchez á continuidade da instalación industrial e insistiu na necesidade de que se inicie canto antes a construción do forno de cocción de ánodos.

Esta actuación conta cunha achega de 40 millóns de euros procedentes do PERTE de Descarbonización concedido polo Goberno central. Besteiro considera que o novo equipamento permitirá incrementar a eficiencia e reforzar a viabilidade económica da fábrica, ao tempo que apostou por unha política enerxética que favoreza custos máis baixos e unha produción máis limpa.

O secretario xeral do PSdeG tamén reclamou á multinacional que cumpra os compromisos adquiridos e subliñou a importancia de que exista unha garantía política para o futuro da factoría. "Queremos un compromiso firme da empresa co futuro e un goberno que sexa capaz de garantir ese futuro", afirmou, convencido de que esa capacidade corresponde a un Executivo socialista.

A autovía A-74 foi outro dos asuntos centrais do encontro. Besteiro fixou en 2027 o ano no que, segundo avanzou, se poderá licitar a infraestrutura, e explicou que o Goberno foi superando os obstáculos que condicionaron o proxecto durante etapas anteriores. Neste sentido, lembrou que o Ministerio de Transportes aprobou definitivamente en xuño o trazado do tramo entre O Carme e Barreiros, o primeiro previsto para esta autovía.

O socialista asegurou que a Mariña necesita un Executivo que permita dar continuidade a estas actuacións e que garantirá, segundo prometeu, non só unha nova etapa de catro anos, senón tamén un horizonte de desenvolvemento sostible para a comarca.

Pola súa banda, Patricia Otero centrou parte da súa intervención nas medidas aprobadas polo Consello de Ministros para os traballadores autónomos, destacando a rebaixa do IRPF por valor de 465 millóns de euros que beneficiará a 2,6 millóns de persoas por conta propia, así como a implantación dunha única declaración anual de IVE para aqueles que facturen menos de 85.000 euros.

A candidata lembrou que Galicia conta con máis de 205.000 autónomos e apuntou que boa parte dos beneficiarios destas medidas estarán na provincia de Lugo e na Mariña, especialmente entre os profesionais do rural e os pequenos comerciantes.

O sector pesqueiro tamén ocupou un lugar destacado na súa intervención. Otero defendeu a necesidade de contar cun Goberno que teña capacidade de interlocución nas institucións europeas e puxo como exemplo o acordo pesqueiro entre a Unión Europea e Mauritania, desbloqueado esta semana tras expirar o anterior protocolo o 14 de novembro. Un pacto que, segundo destacou, tamén favorece embarcacións con base no porto de Burela.

A candidata alertou, ademais, sobre a negociación dos fondos europeos destinados á pesca para o período 2028-2034, ante a proposta da Comisión Europea de reducir de maneira importante o FEMPA. Otero atribuíu responsabilidades nesta iniciativa ao Partido Popular Europeo, ao que pertencen a presidenta da Comisión e os comisarios de Agricultura e Pesca, e asegurou que os socialistas defenderán propostas para que os recursos europeos cheguen con maior rapidez ao sector marítimo.

No tramo final da súa intervención, Patricia Otero apelou ao voto progresista e sostivo que o PSOE é a única formación con posibilidades de conseguir un novo deputado na provincia de Lugo. A candidata asegurou que a disputa electoral está moi igualada co Partido Popular e lembrou que nas eleccións xerais de 2023 os populares obtiveron tres dos catro escanos lucenses, fronte a un do PSOE.

Carmela López, que interveu en representación dos socialistas da Mariña, tamén reivindicou o avance da A-74 e afirmou que a comarca estivo durante moito tempo relegada, ata que, segundo sostivo, un Goberno socialista retomou o expediente da infraestrutura. Recoñeceu que se trata dunha reivindicación histórica e defendeu que será un Executivo do PSOE o que permita avanzar de maneira efectiva na súa execución.

A alcaldesa de Burela reclamou igualmente avances na VAC Costa Norte, unha vía competencia da Xunta que, ao seu xuízo, non está a responder ás necesidades da comarca. López reivindicou a capacidade crítica dos socialistas, tamén cara ás propias administracións gobernadas polo partido, e reprochou ao PP a falta de atención que, segundo afirmou, mantivo durante anos cara á Mariña.

A presidenta da Deputación concluíu defendendo o peso da comarca no conxunto da provincia e describiuna como unha gran cidade de arredor de 70.000 habitantes, cun papel relevante no desenvolvemento lucense. Na súa opinión, a continuidade dos proxectos estratéxicos pasa por un Goberno socialista.

0.13511800765991