Belén Feal convértese na primeira muller en adestrar o equipo feminino do Burela FS

AMariñaXa
Con esta incorporación, o combinado laranxa inicia unha nova etapa na elite do fútbol sala feminino
burela-fs-adestradora
11 Jul 2025

O Burela FS acaba de dar un paso histórico ao anunciar a ferrolá Belén Feal como nova adestradora do seu equipo feminino de Primeira División. Con este nomeamento, convértese na primeira muller que dirixe o conxunto laranxa na súa historia.

A entidade mariñá aposta así por un perfil novo e coñecedor do fútbol sala galego para liderar un proxecto humilde, pero con aspiracións, e adaptado á realidade actual do club. A propia Feal sinalou tras confirmarse a súa incorporación: “Para min é un soño e é unha grande oportunidade. Agradezo a confianza depositada en min”.

Nacida en Ferrol en 1996 e enxeñeira de deseño industrial de profesión, Feal conta cunha ampla traxectoria vinculada ao fútbol sala. Como xogadora, formouse nas canteiras do Parrulo e o Comarcal A Fervenza, chegando a debutar na Primeira División co Valdetires Ferrol. Foi habitual nas seleccións galegas de base, compartindo xeración con deportistas como Vane Sotelo, Ana Rivera, Ale de Paz ou Paula Cortiñas. Con elas conquistou o Campionato de España Sub-21 de seleccións autonómicas no ano 2015.

Dúas graves lesións de xeonllo afastárona do parqué, pero abríronlle as portas dos banquiños. En 2017 iniciouse como técnica nas categorías base do A Fervenza-Narón O Freixo, e esta última tempada logrou levar ao primeiro equipo sénior á terceira posición da Primeira Futgal, con só tres derrotas en 26 partidos. Tamén exerceu como segunda adestradora do Valdetires Ferrol en Segunda División, e foi seleccionadora galega Sub-10, coa que se proclamou campioa de España este pasado mes de maio en Murcia.

Con esta incorporación, o Burela FS inicia unha nova etapa na elite do fútbol sala feminino, con unha aposta decidida polo talento local e feminino.

⚙ Configurar cookies
0.16324687004089