Barreiros servirá 1.500 racións na oitava edición da Festa do Ovo Frito

O campo de fútbol do Cascabeiro volverá converterse este venres 14 de agosto nun punto de encontro para veciñanza e visitantes coa celebración da VIII Festa do Ovo Frito. A iniciativa, organizada polo CF Celta Barreiros coa colaboración do Concello, combinará gastronomía e música nunha tarde-noite para a que está prevista a preparación de 1.500 racións.
A actividade comezará ás 19.30 horas, momento no que se iniciará o reparto das ceas. O menú estará composto por dous ovos fritos, un chourizo, patacas fritas e pan, acompañado de viño, cervexa ou auga.
O prezo será de 12 euros por persoa para quen adquira o tícket o propio día da celebración. A organización ofrece tamén a posibilidade de mercalo anticipadamente por 10 euros no bar Miramar, en Casa Melva ou a través dos membros do club, contactando no teléfono 659 392 666.
Tras a parte gastronómica, a festa continuará coa música. A partir das 21.30 horas dará comezo a verbena, que nesta edición estará amenizada polo Dúo ÉPOKA e Disco Móvil The Sound Project, prolongando o ambiente festivo durante a noite.
Desde o CF Celta Barreiros convidan á veciñanza e ás persoas que estes días se atopan no municipio a achegarse ata O Cascabeiro para compartir unha cea diferente e gozar dunha das citas gastronómicas que xa se fixo un oco no calendario estival local.
A oitava edición permitirá así volver reunir arredor da mesa a centos de asistentes cunha proposta sinxela e popular na que o ovo frito será, un ano máis, o protagonista.