Barreiros: Ruta O Barreiros de Antaño
A Ruta O Barreiros de Antaño propón un percorrido, deseñado a modo de visita audioguiada, polo vínculo entre o patrimonio etnográfico máis propio de Galicia e o posterior legado daqueles que emprenderon a aventura de facer as Américas. Seguirase con audioguía e isto supón unha oportunidade de escoitar pequenos relatos e anécdotas históricas mentres se presta especial atención aos detalles arquitectónicos e decorativos que converten o que pode semellar simple en extraordinario.
Entre os puntos máis destacados e de interese están as casas indianas e o patrimonio etnográfico, coas capelas e casas labregas. Durante os séculos XVIII e XIX a historia de Barreiros estivo vinculada á emigración: Cuba, Arxentina e México foron os lugares elixidos polos naturais do termo para mellorar as súas condicións de vida. Algúns deles, chamados popularmente "os americanos" contribuíron ao desenvolvemento cultural, á fundación de escolas parroquiais e ao desenvolvemento urbanístico coas construcións indianas.
O PERCORRIDO
A ruta sae da Oficina de Turismo e percorre os núcleos de San Cosme, Vilar, Áspera, Viladaíde, San Bartolo e Remior; retornando de novo a San Cosme. O percorrido ten unha distancia de 9,5 quilómetros (circular), co trazado compartido con vehículos en circulación e un terreo 100 % de asfalto.
A dificultade é moderada e soe durar aproximadamente tres horas coas explicacións incluídas. Recomendan realizala en outono, inverno ou primavera, xa que no verán o tráfico intensifícase. Así, entre os consellos está o emprego de roupa e calzado cómodos e adaptados ás condicións meteorolóxicas, así como auga e un teléfono móbil.
A ruta pode seguirse a través de Google Maps ou Wikiloc. E preferiblemente a pé ou bicicleta. Se ben é certo que inclúe tramos por estrada de tráfico, zonas que poden estar anegadas, caída a distinto nivel ou ao mesmo nivel,… O medio non está exento de riscos, polo que se debe ir con precaución, responsabilidade, pero sobre todo, desfrutando da paisaxe e das historias que alberga.