Barreiros reunirá o domingo preto de 40 postos no Mercadiño no Outono

O Concello de Barreiros celebrará o vindeiro domingo, 11 de outubro, o Mercadiño no Outono, unha xornada de encontro veciñal que reunirá na Praza do Concello preto de 40 postos de produtos de proximidade. A iniciativa está organizada polo Concello coa colaboración da Vicepresidencia da Deputación de Lugo e incluirá ao longo do día diferentes actividades para todos os públicos.
A programación comezará ás 11:00 horas coa apertura dos postos e a actuación do grupo de gaitas da Agrupación Folclórica O Arco da Vella. Ás 11:30 horas celebrarase o faladoiro ‘Lambiscadas Científicas’, con entrada libre, centrado nas enfermidades transmitidas por carrachas en Galicia e nas principais medidas de prevención.
A música volverá ser protagonista ás 12:00 horas coa actuación en directo de Lorena Doval & Manu Arroyo. Media hora despois, ás 12:30 horas, comezarán as degustacións de elaboracións preparadas con produtos de razas autóctonas, dentro do programa "Un gusto de rural, un rural degusto", promovido pola Vicepresidencia da Deputación de Lugo coa colaboración da Federación de razas autóctonas de Galicia Boaga e da Asociación de criadores de raza porcina Celta ASOPORCEL. As persoas que realicen compras nos postos recibirán un vale para participar nesta degustación.
Ás 13:00 horas, a Federación Rural Galega (FRUGA) presentará o Túnel do Viño, unha proposta dedicada aos viños tintos da provincia de Lugo para achegar ao público a súa riqueza e diversidade.
A actividade continuará pola tarde. Ás 17:00 horas terá lugar un taller de cestería no que se elaborará un cesto de outono. A participación estará limitada ás prazas dispoñibles e será necesaria a inscrición previa no rexistro do Concello ata o venres 9 de outubro.
Ás 17:30 horas ofreceranse castañas asadas de balde e, ás 18:00 horas, comezarán as actividades infantís abertas á cativada.
A xornada chegará á súa recta final ás 19:30 horas coa actuación do Coro Airiños do Mar de Barreiros. Posteriormente terá lugar o tradicional sorteo e ás 20:00 horas está previsto o peche do mercado.
A alcaldesa de Barreiros, Ana Ermida, destacou o carácter social da iniciativa e sinalou que "o mercadiño é moito máis que un espazo de compras; é un lugar de encontro onde a veciñanza se reúne para desfrutar dunha xornada diferente". Tamén subliñou a satisfacción do Concello pola programación preparada para este outono, con propostas dirixidas a diferentes públicos e idades.
Pola súa banda, o concelleiro de dinamización e deputado provincial, Dani García, puxo o foco na variedade da programación. "Cada edición tentamos ofrecer algo novo que sorprenda á xente que se achega ao mercadiño", afirmou. García destacou ademais a participación de entidades como FRUGA e a presenza de razas autóctonas como mostra do vínculo coa actividade rural e cos produtos da terra.