Barreiros reunirá 15 viños tintos da provincia nunha xornada de cata e divulgación

AMariñaXa
O programa inclúe unha conferencia sobre o pasado e o futuro dos tintos galegos e unha degustación gratuíta este venres nas Escolas de San Cosme
túnel-do-viño-tinto-Barreiros
14 Oct 2026

O local das Escolas de San Cosme, en Barreiros, acollerá este venres, 16 de outubro, un Túnel do Viño Tinto para dar a coñecer a diversidade e a calidade dos viños elaborados na provincia de Lugo. A iniciativa está organizada coa colaboración da Área de Medio Rural da Vicepresidencia da Deputación de Lugo, a Fruga e a Asociación Galega de Viticultura.

A proposta permitirá descubrir un total de 15 viños de diferentes procedencias. Cinco pertencen á Indicación Xeográfica Protexida (IXP) Terras do Navia, seis á Denominación de Orixe (D.O.) Ribeira Sacra e os catro restantes non están amparados por ningunha distinción xeográfica.

O deputado de Medio Rural, Daniel García, destacou a importancia de recoñecer o esforzo que hai detrás da actividade vitivinícola e a súa contribución ao mantemento do territorio. "Queremos reivindicar todo o traballo que hai detrás da produción de viño, e o seu potencial para contribuír á conservación do territorio", sinalou.

A programación completarase coa conferencia "Tintos de Galiza. Pasado e futuro", impartida por MiguelAnxo Besada, da Taberna A Curva. A intervención abordará a situación actual e as perspectivas dos viños tintos galegos.

Tanto a asistencia á charla como a participación na cata serán gratuítas.

Programa da xornada

  • 11.00 horas: Saúdo institucional.
  • 11.30 horas: Conferencia "Tintos de Galiza. Pasado e futuro", a cargo de MiguelAnxo Besada.
  • 17.30 horas: Presentación dos viños do túnel por Martiño Santos, sumiller de Vide Vide!
  • 18.30 horas: Proba libre dos viños.
  • 19.30 horas: Clausura.
0.14420390129089