Barreiros reforza o apoio ao deporte local cunha achega económica aos tres clubs do municipio

O Concello de Barreiros vén de renovar o seu compromiso co deporte local mediante a sinatura dun convenio de colaboración cos tres principais clubs do municipio: o Praias de Barreiros, o CF Celta de Barreiros e o Iberia FC. O acto, celebrado na Casa do Concello, contou coa presenza da alcaldesa, Ana Ermida, e dos presidentes das tres entidades deportivas.
A través deste acordo, o Concello realizará unha achega económica de 2.000 euros a cada club, o que supón un investimento total de 6.000 euros destinados a apoiar o funcionamento das entidades e a impulsar novas actividades deportivas ao longo do ano.
A alcaldesa destacou que esta medida “ratifica o compromiso institucional coa promoción do deporte de base e co fortalecemento do tecido asociativo deportivo en Barreiros”. Ademais, subliñou que a colaboración entre o Concello e os clubs “vai máis aló das axudas económicas, xa que inclúe a cooperación na organización de torneos, escolas e actividades que fomentan a participación da mocidade”.
Ermida quixo agradecer expresamente “a disposición e o traballo constante dos clubs, que son un piar fundamental no crecemento do deporte local e un exemplo de compromiso coa comunidade”. Segundo explicou, estas entidades complementan e amplían as iniciativas municipais “creando unha rede de bos hábitos e fomentando a vida saudable, especialmente entre os máis novos”.
Deste xeito, o Concello de Barreiros continúa a reforzar a súa aposta polo deporte como ferramenta de cohesión social, de aprendizaxe en valores e de promoción dun estilo de vida activo, mantendo unha colaboración estable coas entidades que fan posible o desenvolvemento deportivo no municipio.