Barreiros reforza as infraestruturas do rural con actuacións en camiños e servizos forestais

O Concello de Barreiros vén de completar unha serie de actuacións destinadas a mellorar as infraestruturas vinculadas ao rural, grazas á colaboración da Vicepresidencia da Deputación de Lugo. Os traballos desenvolvéronse en diferentes puntos do municipio e tiveron como finalidade favorecer o desenvolvemento das actividades agrarias e forestais, fundamentais para a economía local.
Entre as intervencións realizadas destaca o acondicionamento de cinco camiños de concentración parcelaria situados nas parroquias de Vilamartín Pequeno e Vilamartín Grande. As actuacións permitiron renovar o firme destas vías de acceso ás parcelas agrícolas e gandeiras, ademais de levar a cabo labores de limpeza nas gabias para mellorar a drenaxe e garantir unha mellor conservación dos camiños.
As obras tamén incluíron a instalación dun paso de auga baixo unha vía municipal en Celeiro de Mariñaos. Esta actuación pretende minimizar os efectos das escorrentías sobre o firme e evitar os danos que poden provocar as choivas intensas, contribuíndo así a prolongar a vida útil da infraestrutura.
Dentro do mesmo convenio de colaboración entre ambas administracións, acometeuse ademais a creación dun novo espazo destinado ao depósito e carga de madeira na parroquia de San Xusto de Cabarcos. Esta nova dotación nace co obxectivo de facilitar a organización dos traballos forestais e mellorar a loxística asociada á extracción e transporte da madeira.
O deputado de Rural, Daniel García, a alcaldesa de Barreiros, Ana Ermida, e o concelleiro de Medio Ambiente e Rural, Dámaso Ratoeira, visitaron recentemente os lugares nos que se executaron as actuacións para comprobar o resultado final das obras.
A rexedora destacou que se trata de melloras amplamente demandadas pola veciñanza das zonas rurais do municipio, especialmente en parroquias cunha importante presenza de explotacións agrarias. Ana Ermida incidiu tamén na importancia de manter unha comunicación directa coa cidadanía para detectar necesidades e establecer prioridades de investimento segundo as posibilidades económicas dispoñibles.
Pola súa banda, Daniel García subliñou o papel esencial que desempeñan as infraestruturas na actividade produtiva do rural, ao considerar que tanto o sector agrogandeiro como o forestal continúan sendo dous dos principais motores económicos do territorio. Neste sentido, salientou a relevancia de seguir impulsando actuacións que contribúan a mellorar as condicións de traballo e os servizos dispoñibles para os profesionais destes ámbitos.