Barreiros reforza a súa rede viaria con novas actuacións en 4 quilómetros de pistas municipais

O Concello de Barreiros executará ao longo deste ano novas melloras en arredor de catro quilómetros de vías municipais, actuacións que serán financiadas con cargo ao Plan Deputación 2026 e que se engaden ás intervencións que se desenvolven de maneira periódica dentro da planificación anual do municipio.
As obras repartiranse por diferentes parroquias e lugares. En San Miguel actuarase nos Campos e en Pumarín; en Benquerencia, nas Grandas; mentres que en Celeiro as melloras chegarán a Rexa, A Veiga e Xuntoaigrexa. Tamén están previstas intervencións na Rilleira; no vial que conecta Novás co cemiterio, en San Xusto; na Aldea, en Vilamartín Pequeno; e o cambio das varandas situadas sobre a vía do tren en Vilar, na parroquia de San Cosme.
A alcaldesa, Ana Ermida, explicou que se trata dunha actuación integral adaptada ás características de cada tramo. Segundo detallou, os traballos incluirán pavimentación con aglomerado en quente, aplicación de rego asfáltico ou formigonado, en función das necesidades técnicas detectadas en cada caso.
Pola súa banda, o concelleiro de Obras, Antonio Veiga, indicou que estas intervencións resultan especialmente necesarias despois dun inverno “dos máis duros dos últimos anos”, marcado por choivas persistentes e temporais continuados que aceleraron o deterioro das pistas municipais. O edil subliñou que as actuacións se programan unha vez remiten as condicións meteorolóxicas máis adversas, co obxectivo de garantir unha execución axeitada.
O responsable de Obras destacou tamén que o Goberno local mantén unha planificación continuada na que se priorizan accesos a núcleos de poboación e explotacións agrarias, tendo en conta ademais outras vías de financiamento complementarias que permiten ampliar as zonas de actuación.
Con estes novos investimentos, o executivo municipal supera xa os 100 quilómetros de pistas nas que se actuou desde o ano 2019, consolidando unha liña de traballo centrada na mellora progresiva das infraestruturas viarias locais.