Barreiros reforza a formación dixital da veciñanza con novos cursos da Aula Mentor

AMariñaXa
A Aula Mentor abre o prazo de inscrición ata o 10 de novembro para unha ampla oferta formativa gratuíta e con titorías personalizadas
Imaxe de ordenadores
30 Oct 2025

O Concello de Barreiros continúa apostando pola formación como ferramenta clave para o desenvolvemento persoal e profesional da súa veciñanza. A través da Aula Mentor, o municipio abre unha nova convocatoria de cursos en liña totalmente gratuítos, dirixidos a persoas adultas que queiran mellorar as súas competencias dixitais e profesionais sen necesidade de desprazarse.

O prazo de inscrición permanecerá aberto ata o 10 de novembro, e as prazas cubriranse por rigorosa orde de inscrición. As persoas interesadas poden matricularse ou solicitar máis información chamando ao 666 87 59 46 ou escribindo ao correo barreiros@aulamentor.es.

Estes cursos, que comezarán o 12 de novembro e teñen unha duración aproximada de 60 horas para realizar en dous meses, impartiranse de forma totalmente en liña e incluirán titorías personalizadas adaptadas ao ritmo de cada participante.

A oferta formativa desta edición abrangue unha ampla variedade de temáticas relacionadas coas novas tecnoloxías e co mercado laboral actual. Entre os cursos dispoñibles destacan Linux Unhatched (Cisco), unha introdución práctica ao sistema operativo Linux e á súa interface de comandos; Introdución a Internet das Cousas (Cisco), centrado nas tecnoloxías que conectan dispositivos e obxectos intelixentes; Introdución á Ciberseguridade (Cisco), con nocións básicas para protexer a privacidade e os datos persoais en liña; Emprendemento Dixital (Cisco), que promove as habilidades necesarias para ter éxito no ámbito laboral do século XXI; Fundamentos de Intelixencia Artificial con IBM SkillsBuild (Cisco), unha aproximación aos usos actuais da IA en distintos sectores; Introdución á Ciencia de Datos (Cisco), que ofrece os primeiros pasos na análise e interpretación de datos; Conceptos básicos de redes (Cisco), para coñecer a estrutura e funcionamento das redes informáticas; Iniciación a Salesforce e Administración de Salesforce, dous niveis de formación sobre esta popular ferramenta de xestión de clientes (CRM); e Iniciación á Física, pensada para quen desexe introducirse nas bases da cinemática, dinámica e enerxía.

A Aula Mentor de Barreiros, en colaboración coa Aula CeMIT, reforza así o compromiso do Concello cunha formación continua e accesible, que contribúe a reducir a fenda dixital e a igualar oportunidades entre o rural e as zonas urbanas.

Desde o goberno local salientan que esta iniciativa busca “achegar o coñecemento e a tecnoloxía ás persoas, facilitando o acceso a programas de aprendizaxe de calidade e adaptados á realidade do territorio”.

⚙ Configurar cookies
0.070487976074219