Barreiros recupera os saberes da cestería cun obradoiro en Vilamar

AMariñaXa
O Colectivo Cultural Ollomao promove oito sesións para aprender a preparar e manexar os materiais e coñecer as técnicas básicas deste oficio tradicional
cesteria
14 Sep 2026

A cestería e o traballo artesanal con fibras naturais protagonizarán unha nova proposta formativa en Barreiros durante o mes de setembro. O Colectivo Cultural Ollomao organiza no Local Social de Vilamar un obradoiro no que as persoas participantes poderán achegarse aos coñecementos e técnicas básicas deste oficio tradicional.

A iniciativa enmárcase no programa Mans Artesáns, da Área de Vicepresidencia da Deputación de Lugo e o CENTRAD, e estará guiada por María Otero Folgueira.

A formación distribuirase en oito xornadas, divididas en dous períodos: do 21 ao 24 de setembro e do 28 de setembro ao 1 de outubro. As sesións desenvolveranse de 18.00 a 21.00 horas.

Durante o obradoiro abordarase todo o proceso necesario para iniciarse na cestería. As persoas asistentes aprenderán a identificar os materiais, preparar e manexar as fibras naturais e aplicar diferentes técnicas básicas. A parte práctica culminará coa elaboración dunha peza artesá.

Ollomao aposta, ademais, por deixar espazo á creatividade dos participantes. O resultado concreto do traballo non está establecido previamente, polo que poderá ser o propio grupo o que decida durante as sesións que peza elaborar a partir dos coñecementos adquiridos.

As prazas son limitadas e terán prioridade as persoas socias de Ollomao. O prazo de inscrición permanecerá aberto ata o 18 de setembro. Para obter máis información ou reservar praza está dispoñible o teléfono 678 546 526, preferiblemente a través de WhatsApp.

0.1417989730835