Barreiros reclama máis financiamento para o Servizo de Axuda no Fogar e reforza o apoio social municipal

AMariñaXa
O pleno municipal aproba por unanimidade o Plan Concertado de Servizos Sociais e pide unha solución ao infrafinanciamento do SAF, un servizo esencial en risco pola falta de recursos e o incremento de custos e baixas laborais no persoal
Carmen-Veiga-PSOE-Barreiros-7
12 May 2026

O pleno do Concello de Barreiros deu luz verde por unanimidade ao Plan Concertado de Servizos Sociais e sumou unha reclamación conxunta á Xunta para abordar o infrafinanciamento do Servizo de Axuda no Fogar (SAF), un dos piares da atención á dependencia no municipio.

A concelleira de Servizos Sociais, Carmen Veiga, explicou que o SAF atravesa unha situación especialmente delicada, marcada polo aumento dos custos e polas dificultades organizativas derivadas das baixas laborais. Segundo detallou, o servizo conta con 19 profesionais, das cales 10 están actualmente de baixa e outras 2 en período de vacacións.

“Estamos facendo malabarismos para non deixar a ninguén sen atención”, sinalou Veiga, quen subliñou que se trata dun servizo imprescindible para moitas familias de Barreiros. Lembrou ademais que o 94% das persoas usuarias presentan graos de gran dependencia (graos 2 e 3), o que incrementa a complexidade da atención diaria.

A responsable municipal advertiu tamén da diferenza entre o custo real do servizo e a financiación actual. O SAF sitúase arredor dos 25 euros por hora, mentres que a achega da administración autonómica rolda os 12 euros, unha brecha que, segundo indicou, compromete a viabilidade económica do sistema.

Neste sentido, o pleno coincidiu en considerar insuficiente o incremento anunciado ata os 16 euros nos próximos anos, ao entender que non resolve o problema estrutural de fondo.

“Barreiros fala hoxe cunha soa voz: non podemos seguir asumindo con fondos municipais 13 euros de cada hora do SAF”, advertiu Veiga. Engadiu que este esforzo económico “resta recursos a outras necesidades básicas e pon en tensión as contas municipais”.

A concelleira insistiu en que os concellos están a soportar unha carga que non lles corresponde e reclamou unha maior implicación para garantir un financiamento estable e suficiente. Defendeu que o SAF é un servizo esencial “para a dignidade, os coidados e a calidade de vida das persoas dependentes”.

“Non é un servizo accesorio, senón unha prestación básica que permite que moitas persoas poidan seguir vivindo no seu fogar e no seu entorno”, afirmou.

Malia estas dificultades, Veiga puxo en valor o esforzo do municipio por reforzar a atención social. Destacou especialmente o servizo municipal de préstamo de material ortopédico, que facilita ás familias o acceso a camas articuladas, andadores, guindastres e outro equipamento de apoio.

Segundo indicou, este recurso está a ter un impacto positivo na calidade de vida das persoas dependentes e das súas familias. A edil concluíu que a prioridade da área de Servizos Sociais segue a ser “estar ao carón da veciñanza, acompañar ás familias e garantir que ninguén quede atrás”.

0.073684930801392