Barreiros pecha a programación cultural cunha fin de semana de teatro e cine galego

O Concello de Barreiros pon o broche final á súa programación cultural cunha fin de semana centrada nas artes escénicas e no audiovisual galego, cunha dobre proposta aberta á veciñanza e pensada para todos os públicos.
A primeira das citas terá lugar o sábado 20 de decembro, ás 19:00 horas, nos colexios vellos de San Miguel, onde Isabel Risco subirá ao escenario co seu coñecido personaxe Nabiza Girl. Nesta ocasión, a actriz estará acompañada por Alberte Bello no papel de Don Galizo, nun espectáculo que mestura humor, retranca e unha marcada identidade galega, convidando ao público a rir e reflexionar desde a proximidade e a complicidade.
A programación continuará o domingo 21 de decembro, tamén ás 19:00 horas, no centro sociocultural de San Cosme, cunha sesión de cine galego. Alí proxectarase o filme Antes de nós, unha obra que afonda en dous momentos clave da vida de Castelao e da súa compañeira Virxinia, antes de que el se convertese nun dos grandes referentes da cultura galega contemporánea.
Ambas actividades serán de entrada libre, unha aposta do Concello de Barreiros por facilitar o acceso á cultura e fomentar os encontros da veciñanza arredor de propostas culturais de calidade, pechando así o calendario cultural do ano cunha oferta diversa e participativa.