Barreiros ofrecerá talleres gratuítos de artesanía, risoterapia e memoria oral nas parroquias

AMariñaXa
O programa desenvolverase entre novembro de 2026 e xuño de 2027 a través do obradoiro de emprego Máis Talento. As asociacións interesadas deberán contactar co Concello antes do 6 de novembro
obradoiros-maiores-Barreiros
21 Oct 2026

O Concello de Barreiros organizará entre novembro de 2026 e xuño de 2027 un programa de dinamización comunitaria nas distintas parroquias do municipio, en colaboración co obradoiro de emprego Máis Talento, que actualmente desenvolve a súa actividade nos concellos de Barreiros e Ribadeo.

A iniciativa inclúe unha oferta variada de talleres gratuítos, pensados para fomentar a participación veciñal, o benestar e a convivencia, ademais de contribuír á recuperación e conservación da memoria colectiva das comunidades locais.

A programación estrutúrase en tres grandes liñas. Por unha banda, haberá talleres de manualidades e artesanía, con actividades como modelado e pintura en cerámica, pintura sobre lenzo e elaboración de xabóns e candeas artesanais. Tamén se organizarán sesións de risoterapia, orientadas a favorecer o benestar e a conexión social.

A terceira proposta será o taller de memoria oral "Tesouros vivos", centrado na recompilación de tradicións e testemuños e na organización de encontros interxeracionais para preservar a historia local e transmitir os coñecementos entre distintas xeracións.

Todas as actividades serán gratuítas e desenvolveranse en horario de mañá nos locais municipais das diferentes parroquias.

Para organizar as actividades, o Concello trasladou a información ás asociacións veciñais e culturais das distintas parroquias, que serán as encargadas de comunicar o interese en participar e formar os grupos correspondentes.

Para que un taller poida poñerse en marcha será necesario reunir un mínimo de oito persoas, que poderán pertencer ou non á parroquia na que se desenvolva a actividade.

As asociacións interesadas deberán contactar coa área de Dinamización e Participación Veciñal do Concello de Barreiros antes do 6 de novembro, a través do correo electrónico dinamizacion@concellodebarreiros.gal.

0.14720296859741