Barreiros ofrecerá este verán quince visitas guiadas para descubrir o seu patrimonio natural, cultural e histórico

O Concello de Barreiros volverá apostar este verán pola divulgación do seu patrimonio coa posta en marcha da sexta edición do programa de visitas guiadas "Barreiros queda en ti", unha iniciativa que se desenvolverá durante os meses de xullo e agosto co obxectivo de achegar á veciñanza e ás persoas visitantes a riqueza natural, cultural e histórica do municipio.
A programación inclúe un total de 15 visitas repartidas en seis propostas temáticas, deseñadas para descubrir diferentes espazos e aspectos que conforman a identidade barreirense. As actividades estarán guiadas por persoas coñecedoras do territorio, que compartirán cos participantes a historia, as curiosidades e os valores de cada enclave.
A alcaldesa, Ana Ermida, destacou que Barreiros conta cun patrimonio "en gran parte descoñecido" e sinalou que estas rutas permiten coñecelo dunha maneira máis próxima, favorecendo a conexión emocional co territorio e contribuíndo tamén á súa conservación e posta en valor.
Entre as actividades figura "A vida aos pés do Mar Pequeno", un percorrido pola ría durante a baixamar para descubrir a súa riqueza ambiental e cultural. O programa tamén incorpora visitas ás gandarías Mantoño Holstein, en San Xusto de Cabarcos, e Cid, en Vilamartín Pequeno, onde os asistentes poderán achegarse ao traballo diario das explotacións leiteiras, unha actividade estreitamente vinculada á economía e á historia do municipio.
Outra das novidades será a incorporación da ruta xeolóxica "A forza das ondas, a forma da costa", entre as praias de Remior e San Bartolo, centrada na evolución do litoral. Ademais, repetirase o itinerario "Entre furnas e pregues", que percorre o sector comprendido entre Fontela-Valea e A Pasada para interpretar algunhas das formacións xeolóxicas máis singulares da costa barreirense.
A programación completarase coa visita "San Miguel de Reinante, pasado moi presente", un paseo que permitirá coñecer a evolución histórica desta parroquia a través do seu patrimonio, con especial protagonismo para as vivendas indianas e outros elementos que conservan a memoria do pasado.
Todas as actividades serán gratuítas e requirirán inscrición previa a través da páxina web municipal de turismo. Desde o Concello agradecen a colaboración das persoas e entidades que fan posible esta iniciativa e animan á veciñanza e aos visitantes a participar nun programa pensado para descubrir Barreiros desde unha nova perspectiva.