Barreiros obtén financiamento para completar a mellora da Praza de Reinante

AMariñaXa
Dende o goberno local sinalan que con estes traballos incrementarase de forma notable a calidade do servizo.
Barreiros-praza-reinante
27 Apr 2026

A alcaldesa de Barreiros, Ana Ermida, anunciou que o Concello vén de conseguir unha subvención destinada a culminar as actuacións iniciadas o pasado ano na Praza de Reinante, un espazo emblemático da parroquia que será obxecto dunha nova fase de mellora.

Segundo explicou a rexedora, os traballos centraranse na adecuación da parte alta da pista, unha área ata agora pouco aproveitada a pesar das súas destacadas vistas. A intervención contempla a instalación dunha pérgola de madeira baixo a que se situarán mesas e bancos, así como a incorporación dun xogo infantil e distintos elementos de mobiliario urbano, como macetas, farolas, aparcabicis e papeleiras.

Ademais, procederase á instalación de iluminación en todo o recinto, coa particularidade de que o cableado será soterrado para mellorar a estética da contorna. Tamén se actuará no acceso á zona superior mediante a creación dun itinerario peonil adaptado e con medidas de seguridade.

Ermida destacou a relevancia deste proxecto, no que o goberno local leva tempo traballando, e que permitirá completar a transformación da praza iniciada o ano pasado a través dun convenio coa Deputación. A alcaldesa puxo en valor o carácter especial deste espazo, construído pola propia veciñanza, e incidiu na necesidade de recuperalo para o seu uso público, respectando ao mesmo tempo o seu valor patrimonial.

Neste sentido, subliñou que se trata do único espazo público da parroquia que permite o encontro e a convivencia, polo que a súa posta en valor supón unha mellora significativa para a vida social da zona.

O investimento previsto supera os 80.000 euros, dos cales algo máis de 72.000 serán financiados a través dunha liña de axudas da Xunta de Galicia dirixida á creación e mellora de servizos básicos no rural, cofinanciadas polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do Plan Estratéxico da PAC 2023-2027.

0.11464905738831