Barreiros impulsa un verán activo con actividades deportivas para maiores de 12 anos

O Concello de Barreiros vén de abrir o prazo de inscrición para participar no programa “MoVernos no Verán 2025”, unha iniciativa que ten como obxectivo promover hábitos de vida saudábeis a través da práctica deportiva durante os meses de verán. As actividades están dirixidas a persoas maiores de 12 anos e realizaranse entre o 16 de xuño e o 15 de setembro.
A oferta inclúe sesións de zumba, pilates, ioga, ximnasia de mantemento e clases orientadas ao coidado da saúde do lombo. As propostas desenvolveranse nas localidades de San Cosme e San Miguel de Reinante, adaptándose así á demanda da veciñanza destas zonas.
O proceso de inscrición realizarase por fases. As persoas empadroadas no municipio poderán anotarse entre o 9 e o 11 de xuño, ata as 14:30 horas. A partir do 12 de xuño, o rexistro quedará aberto para aquelas persoas que non estean empadroadas en Barreiros.
Desde o Concello recoméndase contactar previamente coas oficinas municipais para comprobar a dispoñibilidade de prazas, xa que o número de participantes será limitado. Para calquera consulta, as persoas interesadas poden chamar ao teléfono 982 124 002.
Toda a información sobre o programa, así como os formularios de inscrición, están dispoñibles na web oficial do Concello de Barreiros.