Barreiros enfróntase a novas queixas pola turbidez da auga en San Miguel

Os concelleiros do Grupo Municipal do PP de Barreiros alertan dunha nova vaga de queixas polo estado no que chega a auga ás vivendas da parroquia de San Miguel. Segundo explican, numerosos veciños comunicaron nas últimas xornadas que a auga sae polas billas cunha cor turbia e un aspecto que consideran “insalubre”, unha situación que —apuntan— non é puntual, senón que se leva repetindo durante varios días consecutivos.
O voceiro popular, José Manuel Gómez Puente, asegura que as denuncias se multiplicaron tras máis dunha semana de incidencias continuadas, sen que desde o goberno municipal se ofrecese información algunha. “A preocupación é evidente e comprensible. A veciñanza non recibe explicacións nin indicacións sobre se a auga é apta para o consumo. Esa falta de comunicación é o que máis inquietude está a crear”, sinala.
A problemática concéntrase especialmente en San Miguel, aínda que o PP lembra que recentemente tamén se produciron episodios de turbidez na parroquia de San Pedro de Benquerencia. Para os populares, isto evidencia que hai un problema que debe ser analizado e resolto con urxencia.
Por iso, esixen á alcaldesa, Ana Ermida, que dea explicacións públicas sobre a orixe da incidencia e detalle as actuacións realizadas polo executivo local para restablecer a normalidade. Tamén reclaman que se informe con claridade aos usuarios sobre as medidas que deben adoptar mentres dure esta situación. “A salubridade da auga municipal é esencial. A alcaldesa non pode esconderse: é o momento de ofrecer respostas e garantías”, concluíu Gómez Puente.