Barreiros e Alar porán programas de carácter social en marcha

AMariñaXa
Barreiros asina un convenio de colaboración coa entidade Alar Galicia co que se pretende poñer en marcha programas sociais
alar barreiros sinatura
alar barreiros sinatura
1 Feb 2023

O Concello de Barreiros vén de asinar un convenio de colaboración coa entidade Alar Galicia co que se pretende poñer en marcha no municipio programas de carácter social dirixidos á poboación barreirense.

A entidade social sen ánimo de lucro, que traballa no ámbito dos servizos sociais desde 2001, ten en marcha varios proxectos que centran a súa atención fundamentalmente nas mulleres e as persoas mozas.

A alcaldesa, Ana Ermida, que asinou o convenio co director da entidade, Fernando González Truque, agradeceulle a disposición a aportar a súa experiencia neste ámbito para desenvolver novos programas en Barreiros. Así, o primeiro dos programas que se porá en marcha trátase do “Proxecto Mellora”, de inserción sociolaboral dirixido a potenciar, favorecer, promover e fomentar  a igualdade de oportunidades no ámbito da inserción e permanencia laboral e na incorporación das persoas ao mercado laboral.

A alcaldesa manifestou a “necesidade de contar en concellos pequenos coma o noso, no que os recursos son máis escasos, con colaboracións deste tipo que garanten a igualdade de oportunidades da poboación de Barreiros.” A rexedora sinalou que “esta primeira colaboración preténdese ampliar a outros programas da entidade, como o de prevención de condutas aditivas, de apoio e atención integral a mulleres vítimas de violencia de xénero especialmente vulnerables, de prevención, sensibilización e asesoramento de persoas con tendencias suicidas ou de intervención con menores agresores de violencia de xénero.”  “Estas actuacións, moitas veces silenciosas e discretas son fundamentais para a construción dunha sociedade máis igualitaria, xusta e sana”, concluíu.

A concelleira de servizos sociais, Carmen Veiga, que tamén estivo presente na sinatura explicou que “este proxecto vén a sumarse a outros que foron postos en marcha por este goberno coa colaboración de entidades sen ánimo de lucro que pretenden achegar recursos á poboación barreirense, como coa Fundación Inserta.”

0.14824509620667