Barreiros e Alar porán programas de carácter social en marcha
O Concello de Barreiros vén de asinar un convenio de colaboración coa entidade Alar Galicia co que se pretende poñer en marcha no municipio programas de carácter social dirixidos á poboación barreirense.
A entidade social sen ánimo de lucro, que traballa no ámbito dos servizos sociais desde 2001, ten en marcha varios proxectos que centran a súa atención fundamentalmente nas mulleres e as persoas mozas.
A alcaldesa, Ana Ermida, que asinou o convenio co director da entidade, Fernando González Truque, agradeceulle a disposición a aportar a súa experiencia neste ámbito para desenvolver novos programas en Barreiros. Así, o primeiro dos programas que se porá en marcha trátase do “Proxecto Mellora”, de inserción sociolaboral dirixido a potenciar, favorecer, promover e fomentar a igualdade de oportunidades no ámbito da inserción e permanencia laboral e na incorporación das persoas ao mercado laboral.
A alcaldesa manifestou a “necesidade de contar en concellos pequenos coma o noso, no que os recursos son máis escasos, con colaboracións deste tipo que garanten a igualdade de oportunidades da poboación de Barreiros.” A rexedora sinalou que “esta primeira colaboración preténdese ampliar a outros programas da entidade, como o de prevención de condutas aditivas, de apoio e atención integral a mulleres vítimas de violencia de xénero especialmente vulnerables, de prevención, sensibilización e asesoramento de persoas con tendencias suicidas ou de intervención con menores agresores de violencia de xénero.” “Estas actuacións, moitas veces silenciosas e discretas son fundamentais para a construción dunha sociedade máis igualitaria, xusta e sana”, concluíu.
A concelleira de servizos sociais, Carmen Veiga, que tamén estivo presente na sinatura explicou que “este proxecto vén a sumarse a outros que foron postos en marcha por este goberno coa colaboración de entidades sen ánimo de lucro que pretenden achegar recursos á poboación barreirense, como coa Fundación Inserta.”