Barreiros convoca un proceso selectivo para cubrir catro prazas de Auxiliar de Axuda no Fogar

AMariñaXa
O Concello abre un concurso-oposición de quenda libre para incorporar persoal laboral fixo ao servizo municipal
maiores-servicio-de-axuda-no-fogar1
25 Jan 2026

O Concello de Barreiros vén de poñer en marcha un novo proceso selectivo para a cobertura de catro prazas de Auxiliar de Axuda no Fogar como persoal laboral fixo, mediante o sistema de concurso-oposición en quenda libre. A resolución que dá inicio a esta convocatoria foi publicada este o 23 de xaneiro, no Boletín Oficial do Estado, marcando así o comezo formal do procedemento.

Segundo se recolle na convocatoria, unha das prazas corresponde á Oferta de Emprego Público de 2022, mentres que as tres restantes están incluídas na OEP de 2025. O obxectivo é reforzar o servizo de atención domiciliaria, considerado esencial para garantir o benestar e a atención ás persoas que o precisan no ámbito municipal.

O prazo para a presentación de solicitudes permanecerá aberto ata o venres 13 de febreiro, ambos incluídos. As persoas interesadas poderán presentar as instancias no Rexistro Xeral do Concello de Barreiros, situado na rúa Vila número 63, en San Cosme, así como a través da sede electrónica municipal ou por calquera das vías recollidas no artigo 16.4 da Lei 39/2015, de Procedemento Administrativo Común.

Toda a información relativa ás bases, requisitos, fases do proceso e documentación necesaria pode consultarse na páxina web municipal, dentro do apartado de servizos e emprego, así como no taboleiro de anuncios do Concello, tanto en formato físico como na sede electrónica. Desde a administración local destacan a importancia desta convocatoria para consolidar emprego estable e mellorar a calidade dun servizo fundamental para a veciñanza.

⚙ Configurar cookies
0.1071150302887