Barreiros convoca o primeiro certame escolar para promover a alimentación saudable e o deporte

O Concello de Barreiros pon en marcha o primeiro Certame Escolar de Estilo de Vida Saudable, unha iniciativa coa que busca reforzar os coñecementos adquiridos polo alumnado nos obradoiros do proxecto "Vivir o Mar: Produto Local e Deporte no Litoral de Barreiros". Baixo o lema "O mar como fonte de saúde: alimentación saudable e vida activa no litoral", a convocatoria pretende implicar os escolares na promoción de hábitos beneficiosos para a saúde e na valorización dos produtos mariñeiros e dos espazos costeiros do municipio.
O concurso está dirixido aos nenos e nenas dos CEIP San Miguel de Reinante e San Cosme, centros nos que se desenvolveron as actividades formativas nas últimas semanas. Os participantes deberán elaborar unha proposta dentro dunha das dúas modalidades establecidas: preparar unha receita equilibrada que incorpore produtos mariñeiros locais ou deseñar unha actividade deportiva e de lecer saudable que se poida realizar nas zonas do litoral de Barreiros durante unha fin de semana en familia ou con amizades.
Os traballos realizaranse nas aulas, de maneira individual ou en grupo, segundo determine o profesorado. Poderán presentarse en formato ilustrado, nunha lámina física tamaño A4 ou A3 que combine texto e debuxos orixinais, ou mediante unha fotografía propia, impresa ou en formato dixital imprimible, acompañada dunha breve explicación.
As bases establecen que todos os contidos, incluídos os títulos, lemas e descricións, deberán estar redactados en galego. Ademais, cada proposta terá que contar cun título orixinal, que figurará nunha portada anexa e nun lugar visible da parte superior do traballo.
O alumnado disporá ata o 11 de novembro para preparar e entregar as súas creacións. Segundo informa o Concello, o proceso desenvolverase durante un máximo de dúas semanas, con acompañamento do profesorado e dentro do horario lectivo. O xurado, de carácter externo, dará a coñecer a súa decisión o luns 16 de novembro.
A organización tamén establece un procedemento para garantir a imparcialidade da avaliación. O profesorado será o encargado de reunir os traballos e entregalos ao persoal externo do proxecto, que asignará un código numérico anónimo a cada proposta antes de remitila ao xurado. Deste xeito, quedarán ocultos tanto os datos persoais dos escolares como a súa procedencia.
O certame desenvolverase en dúas edicións, vinculadas ao calendario escolar e á finalización dos obradoiros de cada anualidade. A convocatoria de 2026 está destinada ao alumnado de primeiro e segundo de Primaria dos dous centros, mentres que a de 2027 se dirixirá aos cursos de terceiro a sexto. As creacións de ambas as edicións reservaranse para unha exposición conxunta ao remate do programa.
Os recoñecementos non terán carácter económico, senón educativo e divulgativo. O Concello asumirá o custo dos premios, que incluirán material didáctico e deportivo, así como lotes de produtos locais e materiais de divulgación para os traballos gañadores de cada unha das dúas modalidades. Tamén haberá un premio colectivo para cada aula participante, co que se quere agradecer a implicación e o esforzo compartido do alumnado.
A convocatoria dá continuidade aos obradoiros impartidos nos centros educativos, nos que participaron o cociñeiro e integrante do Colectivo Gastronómico da Mariña Javier Montero e a ximnasta artística Candela Martínez Bobo. Estas sesións abordaron a importancia dunha alimentación equilibrada e da práctica deportiva para favorecer unha vida saudable.
O proxecto "Vivir o Mar" contempla tamén novas actividades. Entre elas figura a colaboración coa organización da Carreira das Praias, na que se deseñará un percorrido adaptado á participación infantil e xuvenil. A iniciativa incluirá, ademais, sesións preparatorias nos colexios de cara á edición de 2027.
O programa conta cun orzamento de 35.446,95 euros, financiado polo Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura (FEMPA) e pola Xunta de Galicia, no marco das axudas destinadas a proxectos das Estratexias de Desenvolvemento Local Participativo dos Grupos de Acción Local do Sector Pesqueiro galegos para o período 2021-2027.