Barreiros clausura o circuíto +KmsBarreiros 2025 nunha gala multitudinaria que celebra o deporte e a solidariedade

O Concello de Barreiros celebrou onte a gala de clausura do circuíto de carreiras populares +KmsBarreiros 2025, un encontro que encheu por completo o centro sociocultural e reuniu corredoras, corredores, familias, colaboradores e afeccionados ao atletismo. O acto estivo presidido pola alcaldesa, Ana Ermida, acompañada polo concelleiro de Deportes e deputado provincial, Dani García.
Ao longo da tarde repasáronse, mediante imaxes e vídeos, os momentos máis destacados das seis probas que conforman o calendario deportivo: a Carreira Solidaria de Reis en xaneiro, a Carreira das Praias en abril, o 1/2 Km Vertical de xullo, a Benquerencia Terra-Mar en agosto, o Trail Monte Comado en outubro e a carreira Ao Son do Masma, disputada en novembro.
A gala continuou coa entrega dos trofeos e agasallos das distintas categorías, incluídos os premios económicos ás clasificacións xerais e ás persoas vencedoras en cada categoría adulta. En total repartíronse 1.000 euros en premios.
Na clasificación xeral absoluta feminina impúxose Miriam Folgueira Rico, seguida de Romina Reimondo Gasalla e Lourdes López Villar. Na categoría masculina, o vencedor foi David Manuel Martínez Rodil, ocupando o segundo posto Óscar Murado e completando o podio Manuel Pérez Pérez.
Tamén se recoñeceu a constancia das e dos atletas que completaron todas as probas do circuíto —cinco no caso das categorías inferiores e seis na modalidade adulta—, un momento especialmente aplaudido polo público.
Un dos instantes máis emotivos chegou coa entrega da recadación da pasada Carreira e Andaina Solidaria de Reis. A alcaldesa fixo entrega dun cheque de 667 euros á Asociación Saúde Mental A Mariña, como mostra de apoio ao labor que desenvolve na comarca.
Ermida subliñou “o espírito solidario e deportivo que define este circuíto e que axuda a fortalecer a nosa comunidade. Cada carreira é un reflexo do compromiso da veciñanza, das asociacións e das persoas voluntarias que fan posible que Barreiros siga sendo un referente deportivo e social”.
Pola súa banda, o concelleiro Dani García agradeceu “a colaboración indispensable dos patrocinadores, das entidades organizadoras —Praias de Comado, A.D. AugasSantas Barreiros e o Colectivo Ollomao— e de todas as persoas voluntarias que, unha vez máis, estiveron ao pé do canón. Este circuíto é froito dun esforzo colectivo do que debemos sentir un profundo orgullo”.
García anunciou ademais a primeira cita deportiva do próximo ano: a Carreira Solidaria de Reis, que se celebrará o domingo 4 de xaneiro, acompañada novamente dunha Andaina Solidaria para compartir unha xornada activa en compañía da familia e amizades.