Barreiros celebrará un novo mercadiño coincidindo co Día das Letras Galegas

AMariñaXa
A cita, que terá lugar na Praza do Concello, combinará produtos de proximidade con música, talleres e propostas para todos os públicos
mercado-primavera-barreiros-2026
22 Apr 2026

O Concello de Barreiros volverá apostar por un dos seus eventos máis participativos coa organización dun novo mercado estacional que, nesta ocasión, coincidirá coa celebración do Día das Letras Galegas. A iniciativa busca consolidar un espazo de encontro para a veciñanza, no que se mesturen a dinamización comercial, a cultura e o lecer.

A actividade desenvolverase, como é habitual, baixo carpa na Praza do Concello e manterá un horario continuado de 11.00 a 20.00 horas. O evento conta coa colaboración da Vicepresidencia da Deputación de Lugo, reforzando así o apoio institucional a este tipo de propostas que fomentan a vida social e económica do municipio.

Desde o ano 2022, o Concello vén impulsando estes mercados estacionais cunha resposta moi positiva por parte da cidadanía. A alcaldesa, Ana Ermida, explicou que a idea xurdiu coa intención de “dinamizar o pobo despois da pandemia e ofrecer á veciñanza das distintas parroquias unha oportunidade para xuntarse, compartir e descubrir produtos de proximidade”. Neste sentido, destacou que “xa se levan organizado once mercados nos últimos catro anos, todos eles cunha gran acollida”.

A programación concreta desta edición darase a coñecer nos vindeiros días, aínda que desde a organización adiantan que non faltarán actuacións musicais en directo, degustacións gastronómicas, obradoiros de temática primaveral e actividades pensadas especialmente para o público infantil.

Con esta nova convocatoria, Barreiros reafirma a súa aposta por eventos que combinan tradición, participación e promoción do comercio local, convertendo o mercado nunha cita xa consolidada no calendario do municipio.

0.11520290374756