Barreiros celebrará o Día das Letras Galegas cun mercado cheo de música, obradoiros e tradición

AMariñaXa
O evento do 17 de maio reunirá actividades para todas as idades, degustacións, divulgación científica e actuacións musicais ao longo de toda a xornada
mercado-primavera-barreiros-2026
8 May 2026

O Concello de Barreiros converterá o vindeiro 17 de maio nunha xornada festiva arredor da cultura galega, a convivencia veciñal e o comercio local coa celebración dunha nova edición do Mercadiño de Primavera, que coincidirá co Día das Letras Galegas. A programación foi presentada pola alcaldesa, Ana Ermida, e polo concelleiro de Dinamización e deputado provincial, Dani García, quen destacaron a consolidación desta iniciativa como un dos encontros sociais máis participativos do municipio.

A actividade arrancará ás 11:00 horas coa apertura dos postos e coa actuación do grupo de gaitas da agrupación folclórica O Arco da Vella. Ao longo da mañá, o ambiente musical continuará da man de Os Mustélidos & Fran Zelop, que ofrecerán un repertorio integramente en galego.

Como en edicións anteriores, o mercadiño contará cunha degustación gastronómica elaborada con produtos de razas autóctonas, unha proposta que busca poñer en valor a produción tradicional e local. As persoas que realicen compras nos distintos postos recibirán vales para participar nesta degustación.

A programación inclúe tamén varias actividades formativas e divulgativas. Durante a mañá desenvolverase un obradoiro centrado nos usos tradicionais de plantas silvestres como a melisa, a caléndula ou a ortiga, no que as persoas participantes aprenderán a recoñecelas e a elaborar diferentes preparacións. Xa pola tarde celebrarase outro taller dedicado á creación de cápsulas decorativas con flor seca. Ambos serán gratuítos, con inscrición previa e prazas limitadas.

Os máis pequenos tamén terán un espazo destacado na programación, con actividades de manualidades e coa presenza do proxecto Lambiscadas Científicas de Xuven Lab, que achegará a ciencia ao público de forma práctica e participativa. Haberá explicacións sobre as carrachas, medidas de prevención ante as picaduras e experimentos de cromatografía para crear flores de cores mentres se descobren conceptos científicos básicos.

A música volverá protagonizar o peche da xornada coa actuación do Coro Airiños do Mar, que interpretará un repertorio especial dedicado ás Letras Galegas antes do tradicional sorteo de cestas con produtos dos postos participantes.

A alcaldesa, Ana Ermida, destacou que este tipo de encontros permiten fortalecer os vínculos entre a veciñanza e dinamizar a vida social do municipio. Pola súa banda, Dani García subliñou a boa resposta que están tendo estas citas, nas que cada vez participa máis xente interesada nas actividades culturais, gastronómicas e divulgativas que se organizan.

PROGRAMA

0.11888098716736