Barreiros celebra o Día da Muller con actividades escolares, un manifesto institucional e unha exposición fotográfica

O Concello de Barreiros organizou unha serie de accións para conmemorar o Día Internacional da Muller, promovendo a igualdade e poñendo en valor o papel fundamental das mulleres na sociedade. Este ano, en colaboración co obradoiro de emprego de dinamización compartido co Concello de Ribadeo, levaranse a cabo diversas actividades nos centros escolares.
No CEIP de San Cosme, o venres 7 de marzo ás 11:00 horas, o alumnado creará a 'Árbore da igualdade'. Para iso, vestirán unha das árbores do recinto escolar con mensaxes e pancartas elaboradas por eles mesmos, nas que reivindicarán a igualdade e o apoio á muller. Este xesto simbólico representa o seu compromiso cunha sociedade máis xusta e equitativa.
Pola súa banda, os nenos e nenas do CEIP de San Miguel, xunto co alumnado do obradoiro de emprego, participarán na creación dun mural colaborativo pola igualdade. Esta obra, que se levará a cabo ao longo da próxima semana en función da climatoloxía, pretende transmitir unha mensaxe de unión e recoñecemento do papel das mulleres no presente e no futuro.
Manifesto institucional e solta de bolboretas
O acto central terá lugar o venres 7 de marzo ás 12:00 horas na Praza do Concello, onde se procederá á lectura do manifesto institucional. Como símbolo de esperanza e liberdade, realizarase unha solta simbólica de bolboretas. Ademais, entregarase un pequeno agasallo ás persoas asistentes como recordo da xornada.
Exposición 'Mulleres x Mulleres'
A partir da vindeira semana, e durante todo o mes de marzo, a Praza do Concello acollerá a exposición fotográfica Mulleres x Mulleres. A mostra recolle as historias de vida de 12 mulleres barreirenses, destacando os seus logros e contribucións á sociedade. O obxectivo desta iniciativa é dar visibilidade ao potencial das mulleres do pasado e do presente, ofrecendo referentes para as xeracións futuras.
Unha vez rematada a exhibición na praza, trasladarase aos centros educativos do municipio para achegar estas historias ao alumnado e dar a coñecer ás protagonistas desta iniciativa.