Barreiros aproba un orzamento que ascende a 4 millóns
O presuposto do Concello de Barreiros para 2019 ascende a máis de 4 millóns de euros e foi aprobado onte en Pleno. O alcalde, Alfonso Fuente, subliñou que se trata dun presuposto para os veciños de Barreiros "en cantidade e calidade" e insiste en que 2se manteñen todos os servizos que se presta á cidadanía2. O rexedor rexeitou as críticas vertidas polo BNG.
Fuente Parga explicou que “ no Concello de Barreiros levamos a aprobar o presuposto para o ano 2019, que ascende a 4.065.000 euros, no que se seguen mantendo todos os servizos que se prestan aos veciños, e non se incrementa ningún imposto senón que se mantén a carga impositiva e se adaptan as partidas de gastos precisamente aos ingresos que recibe o Concello”.
O alcalde sinalou que “se fan unha serie de investimentos, se segue traballando na rede de abastecemento de auga na que se van investir outros 92.000 euros, así como nas vías públicas. Neste presuposto aparece unha partida de 50.000 euros pero esperamos, como todos estes anos, recibir ese Plan Único tamén no que contamos con outros 200.000 euros para poder executar e mellorar todas as vías municipais. Aínda temos pendente de executar o deste ano, polo tanto vanse ir mellorando todas as vías. Vanse investir outros 231.000 euros na reurbanización da N-634 pola execución dos avais a un promotor. Tamén se contempla a compra de terreos para a EDAR, se a Xunta dera adiante á nova depuradora en Reinante. Polo tanto mantemos todos os servizos que se están a prestar neste concello”.
O rexedor declarou que “no debate no pleno de onte me sorprendía cando o Bloque Nacionalista Galego nos criticaba dicindo que este presuposto non é electoralista. É curioso que desde a oposición se nos critique porque non sexa, ao ser un ano electoral este 2019, un presuposto electoralista. Evidentemente nós non facemos presupostos electoralistas, o que facemos son presupostos para os veciños e veciñas de Barreiros para seguir mantendo todos os servizos que se veñen prestando en cantidade e calidade. Noutros concellos é certo, como manifestaba a propia portavoz do BNG que dicía que este ano aparecen presupostos con grandes partidas de investimentos. Parece que iso sería o que ocorrería se o Bloque Nacionalista Galego tivera que facer ese presuposto, seguramente este ano nos presentaría un presuposto con moitos investimentos, un presuposto como eles din electoralista. Pero nós non facemos un presuposto electoralista, facemos un presuposto para os veciños e veciñas”.
Alfonso Fuente engadiu: “tamén criticaban a privatización de servizos. É curioso porque en todos estes anos atrás o BNG criticaba o gran número de persoal que tiña o Concello de Barreiros. É verdade que nunca puxeron nomes, senón que había que diminuír o cadro de persoal, e resulta que este ano que presentamos un presuposto cun cadro de persoal máis reducido precisamente por xubilacións e prexubilacións, que se foron pactando desde o Concello para que non houbese despidos, agora se nos critica porque baixa o persoal municipal e se fan privatizacións. Evidentemente os traballos hai que facelos e se non se fan con persoal propio, fanse con persoal contratado de empresas externas”. Para o alcalde barreirense “é curioso porque resulta que o Bloque Nacionalista Galego ten un discurso aquí en Barreiros, pero despois vemos que nos concellos onde goberna, que non son moitos, fai todo o contrario, é dicir é onde máis servizos hai privatizados, di unha cousa e logo fai a contraria. A portavoz do BNG é a coordinadora na Mariña do Bloque Nacionalista Galego, polo tanto o exemplo temos que collelo dos concellos onde gobernan e neses concellos vemos que os servizos están privatizados. No Concello de Barreiros é dos que menos servizos ten privatizados, pero evidentemente se temos menos persoal no Concello hai que contratar empresas que fagan eses traballos, non queda outra”.
O rexedor dixo que “en canto ás partidas para actividades culturais tamén se criticaban por parte do Bloque Nacionalista Galego as axudas que se fan ás festas nas parroquias. Eu o que lles trasladaba é que aos veciños que deciden crear unha comisión de festas e levar a cabo a festa da parroquia, o Concello está para axudarlles, porque é o que nos demandan os veciños e veciñas. Se eles están dispostos a organizar as festas das parroquias cómo non vai o Concello axudarlles a manter viva esa festa da parroquia, esa festa que leva anos saíndo adiante. Pois parece que ao Bloque Nacionalista Galego non lle gusta, parece que suprimiría as festas porque iso é o que nos deron a entender no pleno de onte, e destinarían a outras cousas esas partidas que se gastan axudando aos veciños a que organicen a festa da parroquia. Nós non estamos dispostos porque cando os veciños son os que organizan, e fan unha labor importante para levar a cabo esa festa da parroquia, que o Concello estea aí axudando a min me parece o máis xusto e non retirarlles todas as axudas como pretende o Bloque Nacionalista Galego”.