Barreiros acollerá unha nova acción de limpeza e sensibilización ambiental dentro do movemento Coidemos Lugo

AMariñaXa
A iniciativa busca implicar á veciñanza no coidado do litoral e dos espazos públicos a través dunha xornada participativa
Móllate-polos-ríos-UNED-Lugo
18 Apr 2026

O municipio de Barreiros converterase o vindeiro sábado 16 de maio nun dos escenarios das accións impulsadas polo movemento social Coidemos Lugo, unha iniciativa que traballa na defensa e posta en valor do patrimonio natural e dos espazos comúns na provincia. A actividade, aberta á participación de toda a cidadanía, desenvolverase a partir das 11:30 horas, con punto de encontro nas inmediacións do Coto Camping.

A proposta céntrase nunha xornada de limpeza e concienciación ambiental, co obxectivo de fomentar actitudes responsables e promover o respecto polo entorno. Desde a organización subliñan que este tipo de encontros non só permiten mellorar o estado dos espazos naturais, senón tamén crear unha maior conciencia colectiva sobre a necesidade de protexer o territorio.

Coidemos Lugo naceu como un movemento cidadán comprometido co amor pola contorna, incidindo na importancia de conservar tanto o patrimonio natural como o cultural. Ao longo do tempo, as súas accións foron sumando participantes e consolidándose como unha referencia no ámbito da sensibilización ambiental na provincia.

A cita en Barreiros pretende seguir esta liña de traballo, convidando á veciñanza a implicarse de maneira activa nunha iniciativa que combina voluntariado, educación ambiental e convivencia. A organización anima a participar a persoas de todas as idades, destacando que cada pequeno xesto contribúe a construír un entorno máis limpo e sostible.

0.12554287910461