Barreiros acollerá o IX Trail Monte Comado 2025 o 11 de outubro

AMariñaXa
A proba, organizada pola Asociación Praias de Comado xunto co Concello, percorrerá 16 quilómetros polos camiños e pistas forestais do Monte Comado
cartel_monte_comado
Cartel da actividade
6 Oct 2025

O vindeiro sábado 11 de outubro, San Miguel de Reinante, en Barreiros, será escenario do IX Trail Monte Comado 2025, unha cita deportiva que combina natureza, esforzo e paisaxe. A proba, organizada pola Asociación Cultural e Deportiva Praias de Comado xunto co Concello de Barreiros, terá saída e chegada na praza do Souto ás 10:00 horas.

Os participantes poderán recoller os dorsais o mesmo día da carreira, desde dúas horas antes da saída ata media hora antes do inicio da proba. O percorrido do trail abrangue aproximadamente 16 quilómetros, cun desnivel acumulado de 950 metros positivos, e transcorre polas faldas do Monte Comado, atravesando San Pedro de Benquerencia e San Miguel de Reinante, combinando pistas e camiños forestais.

Ao longo do itinerario habilitaranse dous avituallamentos: o primeiro no quilómetro 8, con líquidos e sólidos, e o segundo en meta, para garantir a recuperación dos participantes. A competición inclúe premios para as tres primeiras persoas clasificadas en cada categoría, ademais do gañador e da gañadora absolutos, que recibirán os seus trofeos ao remate das carreiras.

Esta proba forma parte do circuito MaisKmBarreiros, consolidándose como un referente do deporte ao aire libre na comarca e unha oportunidade para promover hábitos saudables e o contacto coa natureza.

⚙ Configurar cookies
0.059316158294678