Barreiros acollerá a exposición fotográfica Fauna Esencial

O Concello de Barreiros, a Fundación Abanca e Abanca Corporación Bancaria formalizaron un convenio de colaboración que permitirá achegar ao municipio a exposición fotográfica “Fauna Esencial”, unha iniciativa cultural centrada na divulgación da riqueza da fauna ibérica.
A mostra está composta por unha colección de imaxes dedicadas a distintas especies animais presentes na Península Ibérica. Cada fotografía vai acompañada de textos explicativos que achegan información sobre aspectos como o hábitat das especies, os seus hábitos alimentarios ou os principais riscos que afrontan na actualidade para garantir a súa supervivencia.
A exposición pretende así combinar o valor artístico da fotografía coa vertente divulgativa e ambiental, ofrecendo ao público unha oportunidade para coñecer mellor a biodiversidade e reflexionar sobre a importancia da súa conservación.
“Fauna Esencial” instalarase no salón do Centro Sociocultural Manuel Díaz Sampedro, situado en San Cosme de Barreiros, onde poderá visitarse de luns a venres en horario de mañá, entre as 9:30 e as 14:30 horas. A entrada será totalmente gratuíta.
O acto institucional de inauguración está previsto para o venres 13 de marzo ás 11:30 horas, momento no que se abrirán oficialmente as portas desta proposta cultural á que o Concello anima a asistir a toda a veciñanza.
Ademais do seu contido expositivo, a iniciativa terá tamén unha vertente solidaria. A exposición estará vinculada ao programa “Cultura por alimentos”, polo que durante todo o período no que permaneza aberta habilitarase un espazo no propio recinto para que as persoas visitantes poidan depositar alimentos non perecedoiros.
Todos os produtos recollidos serán doados ao remate da mostra, contribuíndo así a apoiar a persoas e familias que o precisen, ao tempo que se promove a participación cidadá nunha acción de carácter social.
Desde o Concello de Barreiros agradeceron á Fundación Abanca e a Abanca Corporación Bancaria que contasen co municipio para levar a cabo esta iniciativa cultural. Segundo indicaron, proxectos deste tipo permiten achegar actividades culturais a concellos pequenos e ampliar a oferta para a veciñanza.
O goberno local agarda, ademais, que esta colaboración sexa o inicio dunha relación máis ampla que permita desenvolver novas propostas culturais no futuro.