Barreiros acolle unha exposición fotográfica sobre a igualdade e a loita contra a violencia de xénero

AMariñaXa
A mostra, promovida pola Área de Igualdade, reúne diferentes realidades a través da expresión artística e poderá visitarse de balde no Centro Social de San Cosme
exposición-'Express-Arte'
6 Nov 2026

O Concello de Barreiros, a través da Área de Igualdade, organiza a exposición fotográfica 'Express-Arte. Unha perspectiva de diferentes realidades dende a arte', unha iniciativa que pretende achegar á cidadanía distintas experiencias e situacións mediante a creación artística e fomentar a reflexión sobre a violencia de xénero.

A mostra poderá visitarse do 6 ao 18 de novembro no Centro Social de San Cosme, en horario de 9.30 a 14.30 horas. A entrada será gratuíta.

A exposición forma parte do Programa de Inserción Laboral para Vítimas da Violencia de Xénero, impulsado pola Asociación de Xóvenes Emprendedores Lucenses (AXEL). A súa chegada a Barreiros enmárcase no acordo de colaboración entre a Consellería de Política Social e Igualdade, a través da Dirección Xeral de Loita contra a Violencia de Xénero, e a Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP).

Este convenio ten como finalidade favorecer a creación e consolidación da Rede de Entidades Locais contra a Violencia de Xénero, na que se integra esta proposta cultural.

Desde o Concello animan á veciñanza a achegarse á exposición, que utiliza a fotografía e a expresión artística como medios para visibilizar diferentes realidades e promover unha sociedade máis igualitaria. A iniciativa busca tamén reivindicar a creatividade e a cultura como ferramentas de transformación social e de defensa dos dereitos e da dignidade das mulleres.

0.15028715133667